O secretario xeral do PSdeG participa nun acto político do PS portugués coa candidatura do distrito de Braga ás eleccións do 10M encabezada por José Luis Carneiro
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiulle hoxe a Alfonso Rueda que abandone o seu “silencio cómplice” co boicot da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e do PP de Portugal contra a liña de AVE Lisboa – Oporto – Vigo. O responsable socialista dixo en Braga que Rueda terá na Lexislatura que comeza unha “magnífica oportunidade” de “retratarse e explicar se está co PP en contra de Galicia ou a favor dos intereses dos galegos e das galegas”.
Esixiulle a Rueda e ao PP que “expliquen dunha vez a súa conivencia” co intento de Ayuso de “torpedear e suprimir unha infraestrutura fundamental para Galicia e o Norte de Portugal”. Así o dixo nun acto político do PS portugués coa candidatura do distrito de Braga ás eleccións xerais do 10 de marzo, encabezada polo actual ministro do Interior, José Luis Carneiro.
Aludiu así ás continuas agresións da presidenta madrileña -que repetiu esta semana pasada- xunto co alcalde de Lisboa para suprimir a conexión con Vigo en favor do AVE Madrid – Lisboa. Lembrou que na recente visita de Ayuso a Vigo “vimos como o señor Rueda non dixo unha palabra sobre un asunto vital” para a economía de toda a Eurorrexión.
Sinalou que diante da oposición frontal das dereitas española e portuguesa “temos dous gobernos socialistas en España e Portugal que apostan por esta infraestrutura de vital importancia” e, engadiu, “iso tamén está en xogo nas próximas eleccións do 10 de marzo en Portugal.
Emprazou a “seguir traballando na colaboración entre Galicia e o norte de Portugal coa eurorrexión ou con institucións como o Eixo Atlántico e continuar a mellorar as infraestruturas que nos fagan máis competitivos e melloren as nosas comunicacións”.
Trasladou o apoio dos socialistas galegos ao PS e ao candidato Pedro Nuno Santos para que Portugal “continúe pola senda dos avances que representa o goberno de António Costa”. Saudou ao candidato do distrito de Braga, José Luis Carneiro, actual ministro do Interior e actualmente o membro máis valorado do goberno, que “foi un excelente alcalde en Baiao e coñece como ninguén a política de proximidade”.
González Formoso emprazou aos portugueses e portuguesas a “seguir avanzando cun goberno socialista” que prolongue a colaboración entre os gobernos dos dous países, que foi “de vital importancia para exercer un cambio de políticas na UE”. Contrastou os efectos positivos da folla de ruta socialdemócrata co impacto negativo das políticas “austericidas” de Rajoy e Passos Coelho e os recortes en pensións, salarios e dereitos.
A colaboración dos socialistas en Portugal e España, pola contra, permitiu unha resposta ben diferente como se viu diante da crise da covid, priorizando a protección dos empregos, os salarios e os dereitos. Esta foi tamén “vital” á hora de acadar logros como a excepción ibérica, que supuxo “un grande aforro ás familias de España e Portugal” fronte ao aumento dos custes da enerxía.