Canteira Feminina. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Chegará un momento no que o 8 de marzo sexa unha data normal e corrente, un día coma outro sen nada que celebrar nin reivindicar, pero a única certeza que temos actualmente é que iso está aínda moi lonxe. Que seguimos tendo que loitar por non perder ningún dos dereitos adquiridos con tanto esforzo, e deixarnos a pel para conseguir outros que fagan a vida mellor ás xeracións que veñen detrás. Por todas elas segue habendo un 8M no mundo enteiro, porque poidan medrar nunha igualdade onde ser muller non implique gañar menos, nin ser a única que se adique aos coidados familiares e ter unhas xornadas de traballo que empezan de novo ao chegar a casa. 

Que ser nai non supoña ter que renunciar á nosa profesión, e que «conciliación» sexa algo máis que unha bonita palabra que repetir en sucesivos oitoemes. Que ningún árbitro fale de «chicas» nunca máis para referirse ás xogadoras, que ninguén nos mande á cociña nin nos diga o que nos farían se poidesen. Porque se algo queremos é decidir nós mesmas. A quen queremos querer e a quen deixar sen que niso nos vaia a vida. Ningún xefe chamándonos «retrasadas mentais» ou ameazando con botarnos a rúa coma ese alcalde de Fontanar (Guadalaxara) vén de facer cunha funcionaria do seu Concello. O abuso de poder segue no máis alto da nosa vida laboral, case normalizado que someterse sexa o noso destino. Por iso é tan importante estar xuntas e unidas apoiándonos unhas a outras, porque se nos mantemos así perderemos o medo. E sen medo seremos LIBRES. 

FOTO: Claudia, Julia e Chloe (Escola Cabrejo – Concello de Camariñas) 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario