Co gallo dos actos organizados con motivo do 8-M, a Delegación Territorial da Xunta abriu hoxe a exposición Mulleres, da pintora lucense Ana María Rodríguez (Anamá). Está formada por 59 retratos femininos realizados coa técnica de acrílico sobre lenzo
Trátase dunha selección de obras pintadas pola autora durante máis de vinte anos de traxectoria, pertencentes a diferentes series e con variedade de estilos. Na mostra comparten espazo mulleres anónimas con outras que teñen biografías destacadas, algunhas delas moi significadas na loita a prol dos dereito das mulleres.
Así, entre as retratadas están Frida Kahlo, Malala Yousafzai, Rigoberta Menchú, Clara Campoamor ou Maruja Mallo; xunto con figuras femininas anónimas que representan a cidadás de diferentes lugares do mundo. Tamén están presentes as mulleres lucenses, nunha serie protagonizada por rostros da cidade; e hai unha lembranza especial para as mulleres que sofren por mor da guerra en Ucraína.
Ana María Rodríguez ten participado en varias exposicións individuais e colectivas co seu traballo adicado ás mulleres. A mostra na Delegación Territorial poderá visitarse ata o 27 de marzo.