A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na presentación das XV Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra Estase Cocendo no Centro do Viño de Monforte de Lemos. A cita gastronómica, que organiza a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL) coa colaboración da institución provincial, celebrarase dende este sábado ao próximo 24 de marzo.
García Porto felicitou á organización e evidenciou que estas xornadas enxalzan “un emblema da nosa mesa. O cocido é un prato con identidade que nos distingue do resto de lugares. Un sabor único, coa carne como protagonista, que rende homenaxe ás nosas costumes e tradicións”. Dixo tamén que o cocido é un prato “exquisito que trascende do seu valor gastronómico, xa que é a mellor escusa como punto de encontro para reunir a amigos, á familia e desfrutar dun momento de convivencia e festa a redor da tradición”.
Este ano o Estase Cocendo dedícase á historia do ferrocarril na comarca da Ribeira Sacra, por iso ao evento asistiu o director xeral de Renfe Viaxeiros, o monfortino Javier Pérez.