Prestarase os días 25, 26 e 27 de marzo e 1 de abril nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo
O Concello da Laracha abre a inscrición para o servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se oferta a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante a Semana Santa.
O prazo para solicitar a praza estará aberto durante unha semana, desde mañá martes e ata o 19 de marzo. As persoas interesadas poden tramitar a inscrición ben a través da sede electrónica ou ben acudindo ao Centro de Información das Mulleres (Edificio Administrativo da Laracha). Os documentos están dispoñibles para a súa descarga na web municipal alaracha.gal.
O servizo, que vai dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, estará en funcionamento nos días laborables das vacacións de Semana Santa nos centros de ensino, isto é, o 25, 26 e 27 de marzo e o 1 de abril. Prestarase entre as 7:00 e as 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.
Ofrécense dúas modalidades de solicitude para acceder ao servizo de acordo ás necesidades de conciliación de cada usuario, podendo escoller entre utilizalo en horario completo ou reducido e coa opción de almorzo. Os servizos básicos incluídos para calquera modalidade de inscrición son a acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas con profesionais especializados.