O Goberno de Inés Rey levará a cabo un investimento de 1,8 millóns de euros para transformar o sector superior lindeiro á estación, onde se creará unha nova glorieta que conectará coa avenida de Arteixo
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión da Xunta de Goberno Local na que se deu luz verde á adxudicación das obras de reurbanización da avenida da Sardiñeira, unha das 17 intervencións urbanísticas para as que o Concello, en abril do ano pasado, obtivo 9,1 millóns de euros en financiación estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation.
A reurbanización da avenida da Sardiñeira contará cun investimento de 1,8 millóns de euros e permitirá mellorar os accesos á estación intermodal así como mellorar a urbanización desa vía co fin de contribuír á revitalización do barrio.
As obras suporán unha transformación total do sector superior lindeiro á estación, onde se creará unha nova glorieta que conectará coa avenida de Arteixo, ampliaranse os espazos peonís e se construirá un novo treito de carril bici, bidireccional, cun percorrido comprendido entre o IES da Sardiñeira e o cruzamento da avenida coa rolda de Outeiro. Esta última medida dá continuidade ao plan do Goberno de Inés Rey para promover a mobilidade sostible na cidade, habilitando infraestruturas desta tipoloxía en todos os barrios, ao abeiro da expansión do servizo municipal BiciCoruña.
Un dos aspectos destacados desta actuación será a remodelación dos sentidos de circulación da avenida da Sardiñeira, unha medida que vai aparellada á renovación dos espazos públicos da propia avenida. A este respecto, e cando conclúan as obras de reurbanización, a circulación seguirá a ser en doble sentido no sector oeste da avenida -cun dous carrís diferenciados- e ata o cruzamento coa rúa Europa. A partir de aí, no sector leste, manterase unicamente un carril de circulación, en dirección á rolda de Outeiro e con saídas laterais ás rúas do circuíto interior da Sardiñeira.
Os traballos, adxudicados hoxe á UTE integrada polas empresas Canarga e Prace Servizos e Obras, terán un prazo de execución de 14 meses.
«Con esta intervención queremos mellorar a calidade urbana do barrio e a súa contorna, complementando as actuacións que xa se están a realizar para crear a propia estación intermodal, entre A Sardiñeira e Os Mallos, aproveitando os avances dunha obra que será fundamental para o futuro da cidade e que tamén contribuirá ao desenvolvemento dos barrios lindeiros», indicou a alcaldesa.