Na UDC as rapazas representan xa o 18% das incorporacións, e na UVIGO o 19%
A desigualdade de xénero existente na nosa sociedade non só afecta ao 50% das persoas que a forman, senón que frea o desenvolvemento en todos os ámbitos: económico, cultural, tecnolóxico, …, porque no deseño e a creación de novas obras, produtos e solucións estamos a perder a riqueza intelectual que achega a diversidade de xénero. Conscientes diso, a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo) puxeron en marcha diversas iniciativas para pór de relevo a existencia dunha fenda de xénero en diferentes ámbitos educativos e profesionais, e tamén medidas para reducilas ou palialas.
Algunhas destas iniciativas, as que se focalizan no ámbito TIC, canalízanse a través da Cátedra Interuniversitaria ALDABA-WIB (Women, ICT & Business), que ambas universidades constituíron en 2019 coa empresa tecnolóxica ALDABA, co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC: por unha banda, promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento; e, por outro, establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa.
Precisamente, dentro das iniciativas para reducir a fenda de xénero no ámbito TIC, a Cátedra puxo a disposición da sociedade BBG-TIC (Barómetro da Fenda de Xénero nos estudos TIC), unha ferramenta web gratuíta (wib.aldaba.es/bbg-tic) que reflicte graficamente, e permite consultar filtrando por diferentes criterios e ámbitos temporais, a evolución da baixa representación feminina nos estudos de enxeñaría TIC, en comparación co resto dos estudos.
BBG-TIC está en constante evolución, incorporando os novos datos de matriculación, resultados académicos, etc., que publican as administracións públicas educativas, e permite avaliar se as medidas que desde os diferentes estamentos da sociedade están a levarse a cabo para reducir a fenda están a ter éxito ou non.
Os resultados máis recentes que amosa o BBG-TIC revelan un aumento significativo na matriculación de mulleres no Grao de Enxeñaría Informática para o curso 2023/2024, amosando unha tendencia positiva nos últimos cursos, tanto na UDC como na UVigo, a excepción do curso 2022/2023. A matriculación feminina no Grao de Enxeñaría Informática da UDC, desde a súa creación no curso 2010/2011 ata o curso 2020/2021, mantívose en cifras entre o 8% e o 13%, números moi pouco alentadores. Do 9% de matriculación feminina no curso 2020/2021 pasouse ao 16% no curso 2021/2022 e ao 18% no curso 2023/2024, duplicando os rexistros. No Grao de Enxeñaría Informática da UVigo os datos mostran unha tendencia similar, aínda que cun crecemento menos pronunciado, dun 13% de matriculación feminina no curso 2020/2021 pasouse a un 19% de matriculación no último curso. E, en ambas as universidades, os números alcanzan o 23% e 21%, respectivamente, se incluímos as alumnas matriculadas nos Graos de “Ciencia e Enxeñaría de Datos” e de “Intelixencia Artificial”.
Estes datos poden reflectir un cambio positivo na dinámica de xénero no ámbito tecnolóxico e unha maior apertura cara á participación feminina nun campo historicamente dominado polo sector masculino. Tamén reflicten o éxito dos esforzos combinados polas diferentes institucións e a comunidade educativa para superar barreiras de xénero e crear un ambiente inclusivo que fomente a diversidade no ámbito tecnolóxico. A Cátedra ALDABA-WIB, desde a súa constitución en outubro de 2019, desempeñou un papel importante neste logro, apoiando e promovendo actividades específicas para captar o interese das novas aspirantes a enxeñeiras informáticas.
Aínda que son cifras alentadoras e representan un paso positivo, hai que tomalas con precaución, e haberá que esperar aos próximos cursos para confirmar que esta tendencia ascendente na matriculación de mulleres mantense no futuro. Aínda existen grandes desafíos a superar para lograr unha representación equitativa de xénero na Enxeñaría Informática. A Cátedra ALDABA-WIB continúa comprometida en abordar estes desafíos para lograr un futuro máis inclusivo e diverso no ámbito da Enxeñaría Informática.