O xurado de aRi[t]mar preseleccionou as cancións galegas e portuguesas que loitan por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2023
Son 10 músicas de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Música do Ano na Galiza e Mellor Música do Ano en Portugal. Ditas votacións, que comezaron o luns 26 de febreiro, son accesíbles a través da páxina web aritmar.gal. O proceso de votación permanecerá aberto até o vindeiro 27 de marzo.
As finalistas amosan un ecosistema musical cheo de xuventude e diversidade
A música galega leva vivindo un auténtico renacemento nos últimos anos, está facendo gala dunha diversidade e unha capacidade de mestura que a sitúan plenamente á altura das tendencias musicais internacionais. As cancións propostas polo xurado para loitar polo premio á Mellor Música do Ano dan boa conta da saúde e da capacidade de renovación deste ecosistema, que mestura vellas bandas da escena musical con artistas que xurdiron ultimamente.
As cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2023 na Galiza, son: Cachondemia, de 100 Voltas; Viaxamos a Miami, de Ataque Escampe; Ai de min, de Caamaño&Ameixeiras; Bulerías da Lúa, de Davide Salvado (Permita Deus), Morena, de De Ninghures; Olivia Newton-John era de Pantón, de Festicultores Troupe; Onde Ela Me Quer Levar, de Grande Amore; Ardén, de Mondra; Vaia onde vaia, de Ruxe Ruxe; e Fai Tempo, de The Rapants.
As cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2023 en Portugal, son: 422, de A Garota Não; Não Vás Embora, Rapaz!, de Ana Bacalhau; Ao Teu Ouvido, de Buba Espinho feat. Bárbara Tinoco; Mais!, de Carlão; Saia da Carolina, de Carolina Deslandes; Serei Sempre Uma Mulher, de Luísa Sobral; Oxalá, de Maro; Sagitário, de Miguel Araújo; Na Escola, de Os Quatro e Meia; e Preço Certo, de Pedro Mafama.
aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela pertencente á Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.