«É marabilloso poder formar parte da festa do audiovisual galego de xeitos tan diversos como os que poderá ver e escoitar o público este sábado», sinalan María SOA e Sara Faro, que compuxeron pezas específicas para a ocasión
As creacións musicais de Fillas de Cassandra fiarán a gala dos XXII Premios Mestre Mateo do Audiovisual galego, que se celebrará este sábado, 23 de marzo, na cidade da Coruña. María SOA e Sara Faro son as responsables das composicións que acompañarán os distintos fitos da cerimonia, ademais de ser parte da súa dinamización a través de distintas actuacións que ofrecerán ao longo da noite.
«Para nós é marabilloso poder formar parte nesta edición dos Mestre Mateo, artellando composicións para a ocasión, con motivos novidosos que noutros contextos non se poderían dar, e nunha noite na que compartiremos escenario con outros proxectos do país, como é o caso do noso benquerido Mondra. Todo o proceso de creación e desenvolvemento da proposta foi revitalizador e moi enriquecedor», apuntan María SOA e Sara Faro.
Así, a banda sonora orixinal creada por Fillas de Cassandra fiará musicalmente as distintas escenas que conformarán a cerimonia. É o caso das entregas dos galardóns, do Premio de Honra e doutros momentos do evento, que terá lugar no Coliseum da Coruña e que se poderá seguir ao vivo a través da Televisión de Galicia.
Fillas de Cassandra regresa á cidade da Coruña tras actuar o 22 de febreiro na Sala INN, nunha adaptación do espectáculo que están a presentar na súa nova xira, nomeada Últimas Dionisíacas. Trátase dunha proposta escénica e musical na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. No directo, no que a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante, tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.
Logo da exitosa estrea das Últimas Dionisíacas o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo (cita á que asistiron máis de 1.400 persoas) e do seu paso pola Coruña, Arzúa, Ribadeo ou BIlbao (acompañando a Zetak no seu Aaztiyen Tour), Fillas de Cassandra actuará tanto en Galicia coma nas localidades de Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun) e Madrid (Sala Sol); así como en grandes citas musicais do territorio peninsular, entre as que se atopan ZEID FEST, Gozo Fest, Ortigueira, El Tingladu ou Revenidas.
Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas
- 30 de marzo. Tui. Festas de San Telmo
- 31 de marzo. Padrón. Festas de Pascua.
- 12 de abril. Donostia. Ciclo Bizi ala Iraun.
- 13 de abril. Barakaldo. ZEID FEST.
- 24 de maio. Ourense. OurenSound Fest.
- 25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
- 1 de xuño. Madrid. Sala Sol.
- 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest.
- 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
- 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
- 1 ao 3 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
- 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas.
Foto portada: © Sabela Andrés