Galicia concedeu nos últimos tres anos máis de 150 axudas para compensar ou previr os danos do oso

por Redacción Galicia

A comunidade galega participou a semana pasada no grupo de traballo da cordilleira cantábrica sobre esta especie co obxectivo de analizar as actuacións desenvolvidas ata o momento e estudar medidas coas que optimizar a coordinación

Galicia participou a semana pasada en León no grupo de traballo sobre o oso pardo na cordilleira cantábrica para analizar as medidas desenvolvidas polas comunidades autónomas en materia de seguimento e xestión desta especie. Nese encontro os técnicos da Xunta deron conta das actuacións galegas neste eido, que inclúen medidas como a concesión de máis de 150 axudas desde 2021 para compensar ou previr os danos do oso por importe de arredor de 110.000 euros. 

Destas achegas, un total de 54 -por importe de máis de 77.000 euros- tiveron como finalidade compensar os danos provocados por estes animais a colmeas, gando ou rolos de herba. Mentres, as destinadas a medidas para a prevención de danos -como a adquisición de pastores eléctricos- foron 98 por un importe de 34.000 euros. 

De feito, estas dúas liñas de axudas -enmarcadas  foron convocadas tamén este ano cun orzamento total de 58.000 euros. As de prevención de danos puideron solicitarse ata mediados de febreiro e as de compensación comprenden os prexuízos causados polo oso pardo desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024.

A delegación galega asistiu ao encontro de León co obxectivo de afondar na colaboración entre as comunidades oseiras, entre as que se inclúen tanto as que teñen poboacións estables desta especie como as que non as teñen, que é o caso de Galicia. No marco do grupo de traballo considerouse necesario actualizar o protocolo de intervención con osos na cordilleira cantábrica aprobado en 2019 co obxectivo de adoptar decisións con maior axilidade, incorporar novas circunstancias e medidas de intervención así como mellorar a comunicación das actuacións levadas a cabo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario