O santiagués reafírmase como o artista galego máis latino, explorando os límites da verbena clásica co novo adianto do seu próximo álbum
Ortiga propón unha viaxe pola experimentación co seu novo disco. Así se ve con 5a Dimensión, o segundo adianto do seu terceiro álbum en solitario. Chicho entrelaza o imaxinario da verbena galega cunha estética propia da música urbana moderna. O artista compostelán crea un híbrido entre os instrumentos acústicos propios do merengue e os elementos da música electrónica, como o autotune, os sintetizadores e as caixas de ritmos. Este novo tema encapsula a enerxía do seu próximo proxecto, que aborda temas clásicos, como o desamor, a través de estructuras tradicionais misturadas con sons experimentais. A madurez que presenta o cantante e produtor santiagués no novo disco é proba da evolución dun músico polivalente que xa cultivou moitos xéneros con éxito.
«Normalmente fanse estéticas modernas apoiándose na linguaxe antiga, eu quería facer estéticas antigas, pero cos códigos e instrumentos que manexamos hoxe en día», destaca Ortiga. O obxectivo do novo disco é encontrar o punto perfecto de unión entre o orgánico e o electrónico, o merengue e a tecnoloxía, a tradición e a modernidade. Isto ponse de manifesto coa aparición dos ventos metais da histórica Orquestra Los Satélites. A 5a Dimensión inspírase en referentes da música latina, como Omega «El Fuerte» e Toño Rosario, pero tamén nas texturas oníricas dos 70’s de Jean-Michel Jarre ou Franco Battiato.
Ortiga reflexiona sobre os seus mecanismos de escape para superar un amor que vén de rematar. A 5a Dimensión é aquilo na que calquera persoa se refuxia para evadirse dunha realidade amarga. «Na quinta dimensión co cerebro en modo avión, moi colocado pa’ acordarme que fas coma quen non sabes quen son«. A temática que amosan as letras do Chicho do Funk, máis propias da música urbana, contrastan cos ritmos de verbena que definen o seu estilo. En definitiva, chorar as alegrías e cantar as penas a través dun ritmo latino.
Este tema recorrente na tradición ilústrase de forma futurista nun videoclip dirixido por Xaime Miranda. A través dunha técnica de animación similar á do anime, combina unha estética psicodélica co universo da ciencia ficción. Estes elementos danlle vida a ese espazo no que se evade Ortiga, onde prima a escuridade do desamor, pero no que tamén hai flashes de luz que representan a felicidade a través das cores.
Ortiga regresa cun novo álbum en solitario despois de tres anos desde Sabes el Camino Que Elegí (2021). Neste tempo non estivo afastado da música, xa que produciu para artistas como Carlangas, Dios Ke Te Crew ou Manu Chao. Ademais, o seu proxecto con Cibrán García, Boyanka Kostova, segue en forma co lanzamento dun disco esta primavera. Ortiga volverá a pisar os escenarios no ciclo de concertos Girando Por Salas, co que percorrerá varias cidades españolas para presentar o seu novo proxecto.
PRÓXIMAS DATAS GPS14
· 02.05 · MADRID · Sala Moby Dick · ENTRADAS
· 03.05 · SEVILLA · Sala Malandar · ENTRADAS
· 04.05 · LEÓN · Gran Café · ENTRADAS
· 17.05 · MANACOR · Sala Can Lliro · ENTRADAS
· 24.05 · OVIEDO · Tribeca Live · ENTRADAS
· 25.05 · ZARAGOZA · Sala López · ENTRADAS