Espectáculos infantís para conmemorar o “Mes do Libro” na Laracha

por Redacción A Coruña

Ademais, ofrecerase un contacontos no marco do proxecto Europa no teu Concello e organizarase outro para o alumnado da escola infantil “A Galiña Azul”

Todos os anos nestas datas o Concello da Laracha promove unha ampla programación municipal baixo o título Mes do Libro dirixida a fomentar a lectura entre o público infantil en torno ao Día Internacional do Libro que se celebra o 23 de abril. 

Nesta ocasión o programa consta de catro contacontos teatralizados, tres deles dirixidos a maiores de catro anos de idade e o outro, a bebés. 

A primeira cita será o venres da próxima semana, día 12 de abril, ás 18:00 h na biblioteca de Caión. Un saco de Contos, de Ángeles Goás, é un espectáculo de narración oral composto por unha selección variada de contos tradicionais e literarios mesturados con historias, adiviñas e trabalinguas.

O venres seguinte, día 19, a biblioteca da Laracha acollerá desde as 18:00 h Estrebillando. María da Pontragha xoga coas palabras e as emocións a través de contos tradicionais e o ritmo das cancións.

A cita para os máis pequenos, o contacontos dirixido a bebés, será o domingo 21 de abril ás 12:00 h na biblioteca da Laracha. O xogo de Nano, de Raquel Queizás, axudará aos cativos a descubrir as partes do seu corpo ao ritmo da música.

E o último evento está programado para as 18:00 h do venres 26 de abril na biblioteca de Paiosaco. Nerea Brey chegará co seu contacontos A nena que podía falar cos animais, e descubrirá cousas asombrosas dos paxaros, coellos, raposos, lobos e outras especies.

En todos os casos a entrada para asistir como público é libre e gratuíta ata completar o aforo.

Na organización deste programa o Concello conta coa colaboración da Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia.

Contacontos Kalopsia de Europa Direct

Tamén neste mes A Laracha acollerá o contacontos Coñece Europa con Kalopsia, o mércores 17 desde as 17:30 h na biblioteca da Laracha. A actividade, dirixida a rapaces de 6 a 12 anos de idade, forma parte da programación que EUROPE DIRECT A Coruña ofrece aos municipios adheridos á rede Europa no teu Concello a través da Deputación da Coruña.

Trátase dun obradoiro de contacontos que explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. A sesión comezará cun achegamento a algúns contos e libros infantís europeos para coñecer un pouco da tradición literaria da Unión Europea e as diferentes culturas que a compoñen. 

A continuación, o público poderá escoitar a narración do libro Kalopsia. Un planeta non tan diferente: descubre Europa desde o espacio exterior, editado pola Representación da Comisión Europea en España. O conto está pensando para que os nenos coñezan a orixe da Unión Europea e entendan que a diversidade é un valor que nos enriquece. 

Para rematar, os cativos converteranse en protagonistas e poderán xogar a formar os seus propios países e alianzas. A actividade contará con intérprete de lingua de signos para garantir a accesibilidade. 

Escola Infantil

Ademais, o día 23 de abril o alumnado da escola infantil “A Galiña Azul” realizará unha excursión á biblioteca da Laracha para desfrutar do espectáculo sensorial para a primeira infancia Leo e as cores, de Trémola Teatro, que lles ofrecerá o Concello.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario