A “Herba de namorar”, incluída no Atlas de Xenoma da Biodiversidade Europea grazas a un estudo liderado por unha investigadora do CICA da UDC

por Redacción Galicia

Proxectos como EarthBioGenome e European Reference Genome Atlas axudan a predicir como o cambio climático afectará á biodiversidade

Ao conxunto de material xenético (ADN) dun organismo chamámoslle xenoma. Este dános información sobre as instrucións necesarias para constituír un individuo desa especie. O estudo do xenoma permite coñecer non só o pasado da biodiversidade da terra, senón que outorga unha mirada ao futuro e ás adaptacións evolutivas que poderían facer fronte a cambios climáticos. Conservar a biodiversidade transcende máis aló da protección do medio ambiente, porque os cimentos das sociedades humanas están enterrados na contorna natural. Coñecer a composición xenética de plantas e animais cos que poderiamos convivir nun futuro cun clima diferente é clave para entender posibles impactos na saúde, na dieta ou na industria do futuro. Con todo, a pesar da relevancia destas investigacións é moi pouco o que sabemos sobre os xenomas da terra, en plantas a penas hai secuenciadas 1.575 de 350.000 plantas superiores.

Para impulsar a investigación nesta materia nace EarthBioGenome Project, co obxectivo de catalogar e caracterizar xenomas de toda a biodiversidade eucariota da terra nun período de 10 anos. A nivel europeo a iniciativa opera a través da ERGA (European Reference Genome Atlas) que seleccionou a Armeria pungens ou “herba de namorar” como especie a secuenciar nun proxecto liderado por Rosalía Piñeiro, Investigadora distinguida contratada no programa María Zambrano no Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC.

ERGA GENOME ATLAS:

A comunidade ERGA traballa co fin de optimizar a produción de xenomas de referencia mediante o desenvolvemento e o intercambio de protocolos e fluxos de traballo, brindando acceso a recursos e apoiando o desenvolvemento de capacidades a través da transferencia de coñecementos para mellorar e ampliar o uso de datos xenómicos para a protección e restauración da biodiversidade. Para iso, buscan crear e consolidar unha rede colaborativa e interdisciplinar de científicos ao redor de Europa, así como doutros países asociados. Dese modo logran conectar grandes infraestruturas de investigación e propagar a través destas unhas guías de estado da arte do xenoma que poidan implementarse a través de formacións e divulgación de resultados.

O seu labor céntrase en representar a biodiversidade de plantas, animais e fungos en Europa como parte do EarthBioGenome Project, creado para secuenciar, catalogar e caracterizar xenomas de toda a biodiversidade da terra nun período de 10 anos, o que daría pé a xerar unha nova base para que a bioloxía lidere as solucións futuras para preservar a biodiversidade e sustentabilidade das sociedades humanas.

A secuenciación de xenomas completos foi avanzando de forma especialmente lenta no reino vexetal. No ano 2000 secuenciouse o primeiro xenoma vexetal, correspondente á especie Arabidopsis thaliana. Dúas décadas máis tarde, en 2020, había secuenciados xenomas de só 1.575 especies de plantas. Esta lenta progresión débese a que moitas plantas presentan xenomas complexos, de gran tamaño ou con secuencias repetitivas. No últimos tres anos (2020-2021) a tecnoloxía de secuenciación de ADN experimentou grandes avances, permitindo duplicar o número de especies de plantas secuenciadas.

ERGA lanzou xa dúas convocatorias buscando aumentar esta cifra entre as especies europeas. Na segunda rolda, a Armeria pungens, tamén coñecida en Galicia como “Herba de namorar” ou “Namoreira” está entre as especies seleccionadas.

Varias especies de herba de namorar dentro do xénero Armeria

A “Herba de namorar” está rodeada de lendas que lle atribúen propiedades de namorar a outras persoas. Bastaría con introducir no peto da persoa amada unha flor desta planta sen que a outra persoa se decate de que leva esa flor na súa vestidura. O cancioneiro popular tamén recolle esta práctica nunha letra que di: “Teño unha herba de namorar, teño pensado quen á levar, na faltriqueira heicha de poñer, para namorarte a ti muller”. Ademais das calidades de namorar, atribúeselle a capacidade de aumentar a fertilidade das mulleres, acollendo tamén o nome de “Empreñadeira” por unha suposta capacidade de facilitar o embarazo. É por isto polo que é común ver en San Andrés de Teixido ofrenda de ramalletes de Herba de namorar ao Santo para pedirlle un embarazo ou parir sen dificultade.

A pesar de que comunmente falamos de “Herba de namorar” coma se se tratase dunha única especie, dentro do territorio galego áchanse tres especies distintas de herba namoreira. A máis coñecida e amplamente distribuída é A. maríitima. Ademais, achamos o endemismo do noroeste da península ibérica, A. pubigera e a especie A. pungens, pungens,  seleccionada por ERGA para pasar a formar parte do Atlas de Biodiversidade Europea.

ARMERIA PUNGENS:

O nome da especie fai honra ás súas follas, moi puntiagudas. A súa área principal de distribución é contínua nas dunas costeiras do suroeste da Península Ibérica, aínda que ten dúas áreas en illas continentais. A primeira é unha poboación galega de A. pungens nas illas Cíes, a 400 quilómetros da poboación máis próxima, situada ao sur de Lisboa. A segunda está formada por varias poboacións nas illas mediterráneas de Córsega e Sardeña.

A presenza desta especie no Mediterráneo e en Cíes supón unha importante disxunción na súa área de distribución. Esta particularidade animou á investigadora Rosalía Piñeiro a indagar sobre a historia desta planta e a súa distribución, combinando datos xenéticos clásicos e modelos de nicho climático. Neste exercicio observou que as poboacións corso-sardas de A. pungens proceden dunha colonización recente desde Portugal, probablemente mediada pola afinidade climática entre ambas as rexións en termos de temperatura e humidade.

Rosalía Piñeiro Portela, investigadora no Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE)

É especialista en Xenómica e Evolución de plantas, secretaria da Sociedade Española de Bioloxía Evolutiva e membro electo da Linnean Society de Londres. Conta cunha ampla traxectoria internacional adquirida en centros de investigación de referencia en Escandinavia, o Reino Unido, Francia e Bélxica, incluído o Xardín Botánico de Kew. Actualmente é Investigadora Distinguida do programa María Zambrano de atracción de talento do Ministerio.

de Universidades na Universidade da Coruña. Ademais do xenoma de A. pungens, dirixe proxectos sobre evolución e bioxeografía de plantas silvestres, así como proxectos máis aplicados sobre adaptación ecolóxica de plantas cultivadas e os seus parentes próximos, con especial atención á resposta ao cambio climático e as interaccións entre plantas e seres humanos.

O Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE), ao que pertence Rosalía Piñeiro, é un equipo interdisciplinario conformado por doutores pertencentes ás áreas de Xenética, Zooloxía, Botánica, Fisioloxía Vexetal e Ecoloxía da Facultade de Ciencias da UDC e a súa investigación ten vinculación permanente co CICA.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario