As emisións industriais de gases de invernadoiro en Galicia baixaron o 23% en 2023

por Redacción Galicia

Emitíronse 4,6 millóns de t, a cifra máis baixa rexistrada desde 2005

Segundo os datos oficiais compilados polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), as emisións de gases causantes de cambio climático das 40 industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) diminuíron o 23,5% en 2023 con respecto ao ano anterior. Ascenderon a 4,6 millóns de toneladas, a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio de emisións en 2005.

As 40 industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións totais de gases de invernadoiro de Galicia. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións entre os que destaca o enerxético. As centrais térmicas de gas natural e carbón e a refinaría de petróleo foron responsábeis conxuntamente de case o 70% das emisións suxeitas en Galicia ao comercio de emisións durante 2023.

O descenso das emisións industriais de gases causantes de cambio climático en 2023 concentrouse nas centrais térmicas (-22,1%), nas instalacións de combustión e nas centrais de coxeración de diversos sectores industriais (-42,5%) e máis na produción de aluminio (-34,9%) e de de aceiro e ferroaleacións (-39,7%).

As razóns da forte diminución das emisións industriais en 2023 apuntan máis a factores conxunturais que a avances na descarbonización resultado de mudanzas estruturais. A baixada da xeración eléctrica nas centrais térmicas polo aumento da produción hidroeléctrica despois dun ano seco, a parada temporal da planta de aluminio e a menor actividade da planta de alúmina en Alcoa San Cibrao, o descenso na produción de ferroaleacións e a caída na utilización nas centrais de coxeración de fuel das madeireiras Finsa e Intasa e da conserveira Jealsa son as causas principais do recorte das emisións industriais durante o pasado ano.

O peche definitivo da central de carbón das Pontes en outubro foi o único progreso destacado na transición enerxética en Galicia durante 2023, dado o cativo aumento da potencia renovábel e a ausencia de plans para a redución progresiva da produción de derivados de petróleo na refinaría da Coruña ou para a substitución das centrais de coxeración fósiles.

Emisións RCDE por sectores (en toneladas de CO2equivalente)

Sectores20222023Variación (t)Variación (%)
Centrais térmicas2.855.3662.223.999-631.367-22,1%
Combustión-coxeración704.872405.180-299.692-42,5%
Refino de petróleo995.764918.798-76.966-7,7%
Produción de hidróxeno195.051186.228-8.823-4,5%
Aceiro e ferroaleacións277.670167.527-110.143-39,7%
Aluminio611.390398.036-213.354-34,9%
Cemento e magnesita180.892128.590-52.302-28,9%
Pasta de papel47.58077.66330.08363,2%
Produtos químicos orgánicos115.21172.820-42.391-36,8%
TOTAL5.983.7964.578.841-1.404.955-23,5%

As dez maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente do 90% das emisións industriais afectadas polo RCDE. Encabezan a lista catro industrias enerxéticas: a refinaría de petróleo da Coruña, a central de ciclo combinado (gas fósil) das Pontes, a central de carbón das Pontes e a central de ciclo combinado (gas fósil) de Sabón (Arteixo).

Dez maiores industrias emisoras en 2023 (emisións en toneladas de CO2equivalente)

IndustriaEmisións
Refinaría de petróleo da Coruña (Repsol)918.798
Central de gas fósil das Pontes (Endesa)893.676
Central de carbón das Pontes (Endesa)731.376
Central de gas fósil de Sabón (Naturgy)598.947
Planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa)382.719
Planta de produción de hidróxeno de Meicende (Air liquide)186.228
Fábrica de bioetanol de Teixeiro (Vertex Bioenergy)143.422
Magnesitas de Rubián113.379
Industrias del Tablero, S.A. (Intasa) (San Sadurniño)79.828
Ence Pontevedra77.663
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario