O balonmán volverá a estar presente nas rúas de sete concellos da provincia da man da segunda edición da Copa 5×5 Deputación da Coruña, que pretende levar este deporte a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos dunha forma lúdica e divertida
A primeira edición desta competición tivo un éxito rotundo, coa participación de máis de 1.600 deportistas e cunha ampla presenza feminina, que superou o 60 %. Ademais, os actuais clubs de balonmán de Cerceda e Ribeira son froito desta Copa.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou o carácter innovador desta proposta, que «pretende achegar o balonmán a todos os públicos na rúa». «Con este formato seguro que moitos nenos e nenas se animan a probar este deporte, incrementando a canteira de moitos equipos da provincia e creando outros novos, como os de Cerceda e Ribeira».
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou «o gran papel que desenvolve a Federación Galega de Balonmán e a súa aposta de chegar a máis concellos nos que aínda non hai escolas ou clubs estables mediante iniciativas como esta, dando a coñecer este deporte a un público que non tivo ou non ten un acceso tan fácil ao mesmo».
Pola súa banda, Bruno López, agradeceu a aposta da Deputación da Coruña por este proxecto «ambicioso e importante, que nos facilita chegar a moitas das familias da provincia, que grazas a isto poden descubrir o balonmán e todo o que o rodea».
A primeira proba celébrase esta fin de semana na Coruña
A primeira das probas terá lugar desde deste mesmo mércores, 10 de abril, ata o domingo día 14 no Paseo do Parrote da Coruña. Os outros 6 municipios que acollerán esta competición serán os de Zas (26 – 28 de abril), Sada (3 – 5 de maio), Negreira (10 – 12 de maio), Oroso (31 de maio – 2 de xuño), Cedeira (14 – 16 de xuño) e Ribeira (20 – 22 de xuño).
Nos lugares seleccionados disporase unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.
Ademais, ao mesmo tempo, retransmitirase a competición por streaming a través da canle de Youtube da FGBm na xornada final do domingo, día no que se disputan as semifinais e finais de ambas categorías. Ao remate terá lugar a entrega de medallas e trofeos e, por último, aproveitarase o directo para facer entrevistas aos protagonistas do evento.
A pista dispón de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas e un dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas serán protagonistas.
Os equipos participantes deberán ter un mínimo de 5 integrantes, ademais dun/ha responsable (de máis de 16 anos). Todas e todos os participantes recibirán un equipamento conmemorativo e os dous primeiros clasificados de cada proba en cada categoría recibirán un trofeo e medallas para todos os integrantes do equipo.
Todas as persoas interesadas poderán inscribirse no seu propio centro escolar ou ben na seguinte ligazón.