O torneo desenvólvese ata o domingo no Paseo do Parrote e continuará ata o mes de xuño nos concellos de Zas, Sada, Negreira, Oroso, Cedeira e Ribeira
A pista de balommán instalada no Paseo do Parrote da Coruña acolle desde hoxe ata o domingo os primeiros encontros da
segunda edición da Copa 5×5 Deputación da Coruña, que pretende levar este deporte a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos dunha forma lúdica e divertida.
O evento, que se celebrará nos meses de abril, maio e xuño en sete concellos da provincia, contará coa participación de máis de 1.600 deportistas e pretende achegar o deporte do balonmán a todos os públicos e favorecer a práctica desta disciplina deportiva.
Nos lugares seleccionados disporase unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.
A pista dispón de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas e un dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas son os protagonistas.
A competición emitirase por streaming a través da canle de Youtube da FGBm na xornada final do domingo, día no que se disputan as semifinais e finais de ambas categorías. Ao remate terá lugar a entrega de medallas e trofeos e, por último, aproveitarase o directo para facer entrevistas aos protagonistas do evento.
Tras o seu paso pola cidade herculina, a Copa Deputación de Balonmán na Rúa disputarase en Zas (26 – 28 de abril), Sada (3 – 5 de maio), Negreira (10 – 12 de maio), Oroso (31 de maio – 2 de xuño), Cedeira (14 – 16 de xuño) e Ribeira (20 – 22 de xuño).