O executivo dá luz verde á revisión de oficio das resolucións tomadas polo Concello en 1962, revisión que será levada a Pleno para a súa aprobación, e instará os ministerios de Educación e Facenda a realizar tamén revisións de oficio dos actos administrativos que permitiron que o inmoble acabase en mans da familia Franco
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou activar os trámites administrativos necesarios para a recuperación da Casa Cornide, iniciando o procedemento de revisión de oficio das decisións tomadas polo Concello no ano 1962, «que permitiron que un edificio público acabase nas mans da familia Franco tras lles ser usurpado a todos os coruñeses e coruñesas baixo unha aparencia de legalidade», expuxo hoxe a rexedora.
Inés Rey fixo balance do informe xurídico encargado polo Concello para reclamar a devolución da Casa Cornide ao patrimonio municipal. Neste sentido, o Concello instará o Ministerio de Educación e o Ministerio de Facenda a realizar unha revisión de oficio da permuta feita no seu día «como parte daquela operación para agasallar o ditador».
A través desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca anular dúas decisións «tomadas polo Goberno franquista de entón na cidade». A primeira, o alleamento da propiedade municipal aprobado o 3 de xullo de 1962, e a segunda, a adxudicación en poxa da Casa Cornide aprobada o 2 de agosto dese mesmo ano. «Os nosos informes xurídicos conclúen que esa transacción non foi legal, porque nin tan sequera cumpría cos requisitos das propias leis entón vixentes para poder selo. Desta forma, hoxe empezamos a reverter o proceso mediante o cal o Concello lle regalou a Casa Cornide á familia do ditador», explicou a alcaldesa, que indicou que a dita proposta será levada ao Pleno para a súa aprobación.
Unha vez aprobada polo Pleno, o Goberno municipal contará cun prazo de seis meses para resolver esta revisión de oficio. Ademais, tamén se abre un prazo de 15 días para que as persoas interesadas presenten as alegacións que consideren.
«A Casa Cornide, ese edificio histórico pechado para os coruñeses desde hai máis de medio século, ten que volver ser dos coruñeses e das coruñesas, únicos propietarios lexítimos dunha das nosas xoias arquitectónicas», insistiu Inés Rey, que tamén informou de que o Concello lle remitiu hoxe á Xunta unha solicitude escrita para reclamarlle que tome todas as medidas pertinentes «para que a familia Franco se axuste á legalidade e abra a casa ao público como ten obriga de facer», dado que a Casa Cornide ostenta a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) desde hai un ano.