As persoas interesadas en realizar un curso destas características deben contactar presencialmente no Edificio Administrativo, vía telefónica ou por WhatsApp
A Laracha conta nas instalacións do Edificio Administrativo cun Centro de Capacitación Dixital que ten por finalidade pechar a brecha dixital entre a poboación do concello, facilitando as competencias dixitais a todos os cidadáns do municipio con independencia do seu perfil demográfico.
Onte finalizou a terceira acción formativa realizada no Centro de Capacitación Dixital desde que se puxo en funcionamento a principios de ano. Do mesmo xeito que nos anteriores, o plan constou de 30 horas de duración nas que os asistentes recibiron formación práctica sobre o uso de dispositivos e aplicacións informáticas que facilitarán o seu día a día e lles permitirán desenvolverse nunha sociedade dixitalizada, evitando que as novas tecnoloxías sexan unha barreira para acceder ao mercado laboral, aos diferentes servizos ou comunicarse coas administracións.
Calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha que estea interesada na realización dunha acción formativa destas características pode informarse acudindo ao Edificio Administrativo da Laracha, chamando ao 981612811 ou tamén vía WhatsApp no 669963094. As sesións realízanse en grupos reducidos con participantes de todos os perfís.
O Centro de Capacitación Dixital da Laracha é xestionado polo Concello en colaboración co Ministerio de Educación y Formación Profesional con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.