Todos os shows serán na Casa da Cultura da Laracha, os días 10, 16, 24 e 31 de maio a partir das 22:00 horas
No mes de maio regresará á Laracha o Festival de Humor, que alcanzará a décima edición e está consolidado como unha das citas de referencia na programación cultural anual municipal. O Concello da Laracha, da man da produtora Rababiero, fixo unha coidadosa selección dos artistas que pasarán pola Casa da Cultura para ofrecer unha programación variada, destinada a todo tipo de públicos e na que teñen cabida espectáculos de diferentes contidos e formatos.
As Izquierdo Sisters abrirán o cartel o venres 10 de maio. O trío formado por Lucía Veiga (recentemente galardoada co premio Mestre Mateo á mellor comunicadora), Marita Martínez e Patricia Castrillón chegarán á Laracha con Quen contaba?, un show de comedia improvisada creado no momento e a propósito. Tres actrices sen filtro meterán nunha cocteleira bastante imaxinación, moita leria, pouca vergoña e as ideas do público para que de aí xurdan as historias máis hilarantes e inesperadas nas que o único previsible é a risa.
O xoves 16, na véspera do Día das Letras Galegas, o público larachés terá unha oportunidade única para ver por última vez o espectáculo dun dos cómicos máis importantes do panorama nacional dos últimos cincuenta anos. Moncho Borrajo despídese tras máis de medio século facendo rir con ¡Se acabó!, espectáculo moi especial que estará cheo de humor, diversión e tenrura.
Luis Álvaro, un dos clásicos do stand up comedy nacional, será a proposta para o venres 24. Co seu peculiar estilo, marcado pola profundidade naif do seu material e unha explosiva posta en escena, afástase de calquera outro cómico do planeta.
Para pechar o programa o 31 de maio volverá un dos habituais do Festival de Humor da Laracha como Oswaldo Digón, e faino acompañado do guitarrista Luis Tinaquero para ofrecer Ansia viva. O espectáculo presenta un novidoso formato no que se mestura a comedia, a improvisación teatral e a música en directo. Abordarase con moito humor e liberdade algo que todos padecemos ou padeceremos nalgunha ocasión como é a ansiedade.
Todas as funcións da 10ª edición do Festival de Humor serán na Casa da Cultura da Laracha a partir das 22:00 horas e ao prezo de 8 euros. As entradas estarán á venda desde o próximo luns (22 de abril) e poden adquirirse na Casa do Concello.