Néstor Rego denuncia que 3 de cada 10 euros do investimento do Estado está destinado á adquisición de novo armamento
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a nova aprobación, en Consello de Ministros, dunha partida dotada de 1129 M€ destinada a gasto militar e, sobre todo, á adquisición de novo armamento. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chama o executivo de PSOE-Sumar a abandonar as políticas belicistas e “apostar pola vía diplomática a través do diálogo, a negociación e o acordo” como única forma real de “garantir a paz”.
Unha aprobación, a realizada na pasada reunión do Consello de Ministros, que se toma en relación coa exixencia da OTAN de aumentar o gasto militar a 2% do PIB de cada estado membro mais, segundo lembra o deputado do BNG, a realidade do Estado español é que “o gasto militar en 2023 xa superou 2,2% do PIB e coa previsión de que continúe subindo”. De facto, nos últimos orzamentos aprobados recóllese unha programación plurianual, entre 2023 e 2029, que suma 17 000 M€ en gasto militar e, sobre todo, na adquisición de novo armamento.
Esta exixencia, denuncia Rego, beneficiaría principalmente “a industria militar norteamericana, especialmente a Lockheed Martin que é a principal empresa produtora de armamento do mundo”.
Partidas relacionadas co gasto militar en detrimento de políticas sociais
O deputado do BNG no Congreso sinala que existen estudos realizados por organismos e asociacións independentes que analizan o gasto militar recollido nos orzamentos aprobados polo Goberno. “Recoñecen que, máis alá do orzamento de Defensa, existe un gasto militar oculto noutros ministerios: en 2023, por volta de 4 700 M€ no Ministerio de Facenda, 3 600 M€ no Ministerio do Interior, 1 600 M€ no Ministerio de Industria”;
“É dicir, en 2023 houbo un gasto militar que oscila entre os 27.600 e os 28.000M€. Parécenos unha cifra desorbitada que non se xustifica. Máis cando o aumento do gasto militar implica deixar de investir ou de destinar recursos a políticas que consideramos, do punto de vista do BNG, moito máis necesarias e urxentes” evidencia Rego.
Unha liña de actuación, a escollida polo Goberno de PSOE e Sumar, que a xuízo do BNG “é equivocada” e “se inscribe dentro das políticas belicistas que impulsa a OTAN, comandada polos Estados Unidos e responden ao interese do imperialismo norteamericano”, que o deputado Néstor Rego exixe rectificar.