Amplíanse a case 8,2 M€ as axudas para a mellora das infraestruturas e equipamentos de lonxas e portos pesqueiros

por Redacción Galicia

Actuarase na conservación das descargas de peixe e marisco e a súa trazabilidade e en preparar instalacións portuarias para afrontar inclemencias polo cambio climático

A Consellería do Mar amplía o crédito máximo destinado a financiar as axudas para proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros por importe de 3.370.000 euros. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), tras este incremento do 70 % sobre o orzamento inicial os fondos totais para estes apoios en 2024 acadan os 8.170.000 euros. No conxunto da convocatoria, sumados os 3,5 millóns de euros para o ano 2025, acadaranse así 11.670.000 €.  

Segundo se explica na orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), a ampliación responde á alta demanda rexistrada para optar a estas axudas. Unha vez revisados os expedientes dos proxectos presentados, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba o crédito da convocatoria para o 2024, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes, polo que se decidiu ampliar os recursos.

Con estas accións procúrase a mellora constante das instalacións nos peiraos e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar e impulsar a competitividade e rendibilidade do sector. Unha estratexia que se integra no Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030 e na que se apoian actuacións de mellora da eficiencia enerxética, protección do medio ambiente e da seguridade e as condicións de traballo. Ademais subvenciónanse iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.

Trátase de convocatorias vivas que van sumando novos investimentos cada ano para adaptarse ás necesidades do sector. Despois de que a primeira convocatoria de 2023 incluíse como subvencionables novas actuacións en materia de protección do medio ambiente e para contribuír a reducir a pegada de carbono, a principal novidade este exercicio é que se promoverán actuacións nas dársenas e resto de instalacións portuarias e de primeira venda de peixe orientadas a preparalas para afrontar as inclemencias meteorolóxicas provocados polas consecuencias do cambio climático.

Beneficiarios e actuacións

Estas axudas benefician a confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores de pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras. Entre os proxectos financiados ao longo de toda a costa galega destacan as actuacións en fábricas de xeo e instalacións de frío, a mellora das lonxas e naves de traballo, a dotación de maquinaria ou a introdución de paneis solares e aparellos para mellorar a eficiencia enerxética.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario