Maio de Letras en Dumbría

por Redacción A Coruña

O Concello de Dumbría programa actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas

Ao longo das vindeiras semanas teremos varias citas coas Letras e en diversos formatos. As Letras achegaranse ao CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría en varias datas:

• 3 de maio, contacontos con Duende Sico, que unirá as Letras e o Deporte, o proxecto educativo no que vén traballando todo o centro educativo ao longo deste curso.

9 de maio, Kalopsia: un planeta non tan diferente, unha sesión de contacontos e actividades, con intérprete de lingua de signos, da man de Europe Direct A Coruña. Con Kalopsia, a rapazada descubrirá Europa desde o espazo exterior.

• 14 de maio, o alumnado fará unha visita guiada á biblioteca do Conco e participará na actividade E a ti…que che contaban?, con Vero Rilo, programada a través do Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O sábado 4, ás 19 horas, teremos o prato forte desta programación: o poeta Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Xoven Miguel Hernández, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deportes, entre outros moitos recoñecementos, visita a Fervenza do Ézaro.

Da súa man, faremos un percorrido por parte da súa obra e tamén pola tradición oral e escrita galega. Todo iso acompañado dunha actuación con música tradicional e nunha paraxe máxica como é a desembocadura do río Xallas, ao pé da súa senlleira fervenza.

Do 16 ao 19 de maio, viaxaremos ata terras de León e Zamora, con visitas guiadas a diferentes cidades, pobos e enclaves naturais.

E, para rematar esta celebración das Letras, o 4 de xuño, o alumnado do colexio de Dumbría participará nunha andaina convertida en roteiro literario, na que terán a oportunidade de coñecer un pouco mellor a figura do Vákner e achegarse á Dumbría que está agochada nas letras de quen a ten habitado ou visitado, autores e autoras que nola amosarán a través da súa particular mirada. Unha maneira activa de coñecer un chisco máis o Territorio Vákner.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario