A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que as e os profesionais levan décadas propondo solucións para combater a desinformación e fomentar o xornalismo libre e profesional, e chama as administracións a tomaren medidas urxentes para reformar a lexislación sobre axudas a medios e publicidade institucional, así como para estabelecer organismos reguladores da comunicación.
Os acontecementos dos últimos días na política estatal desencadearon todo un torrente de reflexión e propostas sobre as consecuencias da desinformación e as posibilidades de medidas para a regulación do espazo mediático. Desde a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acóllese con alegría que a profesión estea por fin no centro da axenda política, mais cómpre lembrar tamén que a situación actual podía evitarse se se atendesen hai tempo as peticións das comunicadoras e comunicadores. As e os xornalistas somos os primeiros interesados en combater as noticias falsas e os atentados á deontoloxía que danan o noso nome e prestixio, e levamos anos denunciándoos e propondo solucións, sen contar en case ningún caso co apoio das diferentes administracións.
Son moitas as medidas que desde a profesión se teñen reclamado aos sucesivos gobernos para combater as loiadas e o uso partidista dos medios, mais hai dúas que resulta especialmente preciso recordar hoxe en día. A primeira é a necesidade urxente de reformar a regulación das axudas nos medios de comunicación e a publicidade institucional, con propostas como as realizadas por este Colexio ao longo dos anos que buscan que a inxección de diñeiro público nos medios de comunicación sirva efectivamente para promover o xornalismo libre e plural, e non para comprar vontades e fomentar a propaganda. Neste sentido, existen criterios obxectivos e medíbeis que teñen que rexer a concesión destas partidas, como a pluralidade informativa, a profesionalización dos medios, o respecto á deontoloxía ou, no noso caso, o uso efectivo da lingua galega. A xestión eficaz das axudas e a publicidade institucional pode contribuír á mellora das redaccións, promovendo as medidas de democratización interna das mesmas ao contemplalas entre os criterios de concesión.
Ademais diso, urxe a posta en marcha na nosa contorna de organismos reguladores da profesión como os que son habituais en toda Europa, e que só existen no Estado Español, de maneira moitas veces deficiente, para algúns espazos audiovisuais. Xa en 2008 o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego urxía a creación dun Consello da Comunicación de Galicia como un organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos, que defendese a sociedade dos intentos de limitar o dereito dos cidadáns á liberdade de expresión e de información, mais até o momento ningunha administración tomou a máis mínima medida cara á constitución dunha entidade semellante. A creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas, un mandado da Lei 2/1974, ou a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional, dúas medidas que deberan servir para fomentar o xornalismo profesional e combater as prácticas contra a deontoloxía, foron repetidamente adiadas sine die sen ningunha xustificación válida.
Se queremos frear a influencia crecente das noticias falsas e garantir o dereito da cidadanía á información, é urxente que a administración poña en marcha medidas nestes dous eixos, comenzando polas xa citadas. Por iso, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia insta os distintos gobernos a iniciaren xa contactos cos organismos representantes da profesión para aprobar canto antes unha reforma da publicidade institucional, a creación de organismos reguladores e o Consello Xeral de Colexios de Xornalistas, así como para estudar outras medidas ulteriores que poidan ser necesarias. Xa se perdeu demasiado tempo na loita por promover e garantir unha comunicación libre e veraz, un obxectivo que só pode beneficiar a toda sociedade, comezando polas e os xornalistas.