-O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) leva dende febreiro de 2024 manifestando a súa oposición ao proxecto de instalación da fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei.
-A principios de febreiro de 2024, a Sección de Medioambiente do IEU elaborou un informe sobre o impacto na biodiversidade que orixinaría a instalación da fábrica de Altri nunha parcela de 366 ha das que 120 corresponden á Finca de Quintas e as restantes ocupan distintas parcelas das parroquias de Remonde e Ramil (Palas de Rei)
-O 27 de febreiro o IEU presentou ante Augas de Galicia a súa alegación ao procedemento ambiental e captación de augas da fábrica de celulosa de Altri, na que solicitou que se elabore un novo estudo de impacto ambiental fundamentado nunha correcta inventariación dos valores naturais afectados
– Fundamentábase a alegación en:
-o estudo de impacto ambiental (EIA) presentado pola empresa mostra un deficiente inventario ambiental sobre o territorio obxecto da solicitude, no que se proxecta bombear auga do encoro de Portodemouros á parcela industrial e verter en sentido contrario os efluentes derivados do proceso químico. O EIA evidencia a ausencia dun traballo rigoroso de inventariación, cuantificación e cartografiado específico de flora, vexetación, hábitats naturais e fauna.
– a inventariación da fauna baséase en fontes documentais insuficientes e desactualizadas, de modo que resulta deficiente e incompleta para avaliar o impacto ambiental da obra. E non se utiliza nomenclatura fitosociológica de asociacións e comunidades vexetais, nin as referencias da lexislación, co cal quedan sen describir comunidades vexetais existentes no trazado proxectado.
-resulta evidente a ausencia de participación de profesionais no ámbito da biodiversidade. Son notorias as carencias nas fontes de información empregadas polo equipo redactor, tanto pola ausencia de recursos documentais como pola interpretación errada á que se somete dita información, só entendible se se trata de profesionais alleos á temática.
-O 23 de marzo o IEU solicitou á Deputación de Lugo a compra da finca de Quintas de Palas de Rei para impedir a instalación da fábrica de celulosa de ALTRI e conservar a súa riqueza natural e biodiversidade, coa posibilidade de crear nela centros de estudos mediambientais, de promoción ao agroturismo e de acollemento a peregrinos do Camiño de Santiago.
-O 17 de abril o IEU presentou ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria a súa alegación ao proxecto industrial de Greenfiber, na que solicitaba rexeitar o seu estudo de impacto ambiental (EIA) pola seu baixo rigor técnico, resolver unha declaración negativa, denegar a autorización ambiental integrada (AAI) e anular a declaración de utilidade pública do proxecto, así como a protección efectiva da zona afectada para evitar calquera tipo de urbanización ou ben a transformación substancial dos hábitats naturais e seminaturais existentes.
– Fundaméntase a alegación en:
-vista a enorme cantidade de erros acumulados, a valoración do conxunto de vexetación, hábitats e flora, resulta inválida desde o punto de vista técnico. A cartografía de hábitats asociada é de nula validez, incoherente coa cartografía da vexetación previamente presentada, e a valoración dos Hábitats de Interese Comunitario non responde á realidade e non ten ningunha validez técnica.
-as medidas correctoras e compensatorias son tamén disparatadas. A execución dunha banda perimetral de plantación forestal podería supor outro atentado máis, coa introdución prevista de especies alóctonas ou inexistentes na área xeográfica ou mesmo inapropiadas pola escasa profundidade e a natureza serpentinítica da maior parte dos solos.
-o EIA non valora adecuadamente os impactos ocasionados sobre a fauna existente nas áreas afectadas. O impacto xerado pode considerarse severo ou crítico, en especial para as especies que requiren territorios de maior extensión, varias delas ameazadas, que non só reducirían o seu número local de efectivos, senón que poderían desaparecer da área.
-o río Ulla, hábitat de tres especies animais en perigo de extinción (aguaneiro, mexillón de río e libeliña Macromia splendenverase), verase afectado pola captación de augas e a vertedura de efluentes industriais con elevadas cargas orgánicas e valores altos de demanda biolóxica de osíxeno e con unha temperatura de 27ºC, que agravará a situación do encoro de Portodemouro, avaliado en dúas ocasións por Augas de Galicia como masa de agua en deficiente estado de conservación con proliferación de cianobacterias tóxicas na estiaxe, contaminación que afectará a toda a biodiversidade do río Ulla augas abaixo e mesmo da ría de Arousa.
-a instalación da macrofactoría de Greenfiber (Altri) incrementaría a eucaliptización das comarcas centrais de Galicia, coa perda de biodiversidade nas mesmas, contradicindo o obxectivo da Unión Europea de deter a perda de biodiversidade antes do ano 2030, e ocasionaría un elevado risco de degradación de solos, o maior consumo de auga e a ameaza de graves incendios.
-a contaminación atmosférica poderá provocar, alén de efectos nocivos na saúde humana, degradación dos ecosistemas na contorna nun radio estimando de 30 km, con consecuencias negativas para o sector agrogandeiro e para a biodiversidade. E os efectos socioeconómicos negativos estenderíanse de forma crítica a todas as propiedades arredor da parcela industrial proxectada e a sectores relacionados co Camiño de Santiago.
– O IEU denuncia que serían catro os Camiños de peregrinación a Compostela afectados pola instalación da fábrica de Altri: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo, o Camiño Portugués e á Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea.
O Camiño Francés, declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993, e o Camiño Primitivo, Patrimonio da Humanidade en 2015 veríanse afectados pola contaminación atmosférica, coa emisión de dióxido de nitróxeno, dióxido de xofre, partículas sólidas e compostos orgánicos volátiles que xerarán choiva ácida, e polo impacto visual e paisaxístico debido á elevada cheminea, as liñas eléctricas, o tráfico de camións, á perda de bosque autóctono e á degradación dunha paisaxe antrópica propia ligada á actividade agrícola e gandeira.
O Camiño Portugués e á Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea veríanse afectados pola contaminación do río Ulla, do que se proxecta extraer diariamente 46.000 m3 de auga e verter 30.000 m3 con elevadas cargas orgánicas e valores altos de demanda biolóxica de osíxeno e a unha temperatura máis elevada, co consecuente deterioro dos ecosistemas fluviais
-As declaracións de Patrimonio da Humanidade do Camiño Francés e do Camiño Primitivo e a aspiración a esa consideración dos demais Camiños a Compostela, veríans seriamente comprometidas, co risco, máis que probable, de que sexan retiradas polo Comité do Patrimonio Mundial da Unesco debido á perda do carácter con que foron concedidas, sendo a perda da paisaxe tradicional o elemento decisorio.
-O Camiño de Santiago é o maior impulsor da economía nas comarcas da Galicia interior, nas que unha economía sostible e respectuosa co medio, asociada á agricultura e á gandería, así como os hábitos e a forma de vida tradicionais que modelan a paisaxe antrópica, fan delas o maior atractivo para os peregrinos. O impacto ambiental e paisaxístico que se produciría no Camiño Francés, o máis afectado, ocasionaría un progresivo e alarmante descenso do número de peregrinos e un deterioro irreparable da economía local. Concellos como o de Palas de Rei, declarado Concello de Interese Turístico en 2015 pola súa integración no Camiño, perdería todo interese para os peregrinos, co consecuente declive dunha industria hoteleira que tivo un crecemento exponencial nos últimos anos.
-O IEU manifesta a súa oposición ao proxecto da fábrica de celulosa Greenfiber (Altri) xa que afectará gravemente ao patrimonio natural e cultural da comarca da Ulloa e comarcas limítrofes (Arzúa, Deza e Terras de Melide), así como ao estado das augas da bacía hidrográfica do río Ulla e da atmosfera, que impactarán nos sectores agrogandeiro e turístico, na saúde das persoas e na paisaxe, comprometendo ao tempo a viabilidade ecolóxica do río Ulla, o que afectaría á ría máis produtiva de Galicia, a ría de Arousa, de gran biodiversidade e potencial socioeconómico.