«Avisamos no seu día de que podería volver a suceder un accidente grave e lamentablemente así foi», afirma o presidente da Deputación, que espera que o propietario da finca Villa Julia, Patrimonio da Xunta e a xustiza sexan sensibles á necesidade de ampliar a estrada para que non volva haber vítimas mortais neste punto negro
A Deputación da Coruña insiste na necesidade de acometer de forma urxente obras de ampliación e mellora da seguridade vial na estrada provincial DP-0810, que comunica Guísamo e Guiliade, no Concello de Bergondo, despois de que onte se producira un novo accidente, un choque frontal de dous vehículos no punto onde se estreita a calzada, á altura da finca Villa Julia, e que ocasionou dúas persoas feridas con pronóstico reservado.
«Avisamos no seu día de que podería volver a suceder un accidente grave e lamentablemente así foi. Falamos dun punto perigoso, que temos detectado hai moito tempo polo estreita que é a vía nesa zoan e a súa escasa visibilidade, un punto onde xa tivemos que lamentar a morte dunha persoa e onde onte houbo un accidente grave e mañá pode haber outro», afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso facendo referencia ao suceso, acontecido na zona na que se estreita a calzada, fronte á finca denomidada Villa Julia, que contra con elementos catalagados por Patrimonio da Xunta, polo que as obras deben ser autorizadas pola consellería competente.
O informe emitido o pasado mes de abril polo Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, indica que todos os elementos patrimoniais de Villa Julia que se podan ver afectados polo retranqueo necesario para ampliar a calzada deben ser documentados de forma específica, para o que, tal como vén sostendo o servizo técnico de Vías e Obras da Deputación desde hai anos, é necesario a entrada na finca. Tras este novo informe de Patrimonio, o pasado venres 10 de maio, a Deputación da Coruña volveu a requirir por escrito ao propietario que permita a entrada á finca para poder recoller os datos topográficos.
Formoso explica que «nós intentamos facer un proxecto e executalo pero atopámonos con un obstáculo tras outro. Primeiro, o propietario que non nos deixa entrar, segundo, Patrimonio de Galicia que lle dá máis importancia a unha árbore que á vida das persoas, e terceiro, un xuíz que lle dá a razón á Xunta e ao propietario», resumiu o presidente,
«Esperamos que impere o sentido común e que tanto o propietario da finca, como Patrimonio da Xunta e a Xustiza sexan sensibles a que a ampliación desta estrada é fundamental para garantir que nunca máis se volvan a producir accidentes que poden custar vidas neste punto», afirmou.