Carme da Silva rexistra iniciativas para solicitar ao Goberno as actuacións necesarias que permitan cubrir os 65 postos de traballo
Ante a falta de persoal nas oficinas da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Galicia e os problemas para obter citas para a realización de trámites, o BNG vén de solicitar ao Goberno do Estado que leve a cabo as actuacións precisas para solucionar estes graves problemas. A senadora do BNG, Carme da Silva, pide aumentar o persoal nas oficinas, cubrindo todas as prazas vacantes, e recuperar o sistema suprimido co gallo da pandemia que permitía acudir directamente a calquera oficina sen cita previa para ofrecer un mellor servizo á cidadanía.
A falta de persoal nas seis oficinas ubicadas en Galicia está a comprometer o servizo de atención á cidadanía. Segundo os datos, 40% das prazas están vacantes, é dicir, só 39 dos 104 postos estás en activo. En Lugo, por exemplo, 66% dos postos están sen ocupar sendo catro as persoas que prestan servizo de atención ao público cando debería haber doce. En Vigo, dez postos sen cubrir dun total de vinte e un. En Santiago, un 38% de prazas vacantes e, se se analizan os datos de Ourense, un tres postos sen cubrir de nove vacantes. Por último, na Coruña, hai dez postos sen traballo e en Pontevedra hai cinco sen cubrir de vinte e seis.
«Con estes números, ao persoal resúltalle imposíbel atender a elevada carga de traballo existente. Non dá abasto para dar un servizo de calidade e coa marxe de tempo requirido a toda a demanda e mesmo eterniza trámites normais ou urxentes» denuncia a senadora do BNG. Tamén inflúe na tramitación da documentación para as persoas que van facer o exame do carné de conducir debido a que atrasa o calendario de exames por non poder contar a tempo cos papeis.
O Ministerio de Interior asegurou o ano pasado, lembra Carme da Silva, que levaría a cabo un plan para aumentar o persoal en todas as oficinas debido a que se trata dun problema xeneralizado en todo o Estado pero non constan avances de verdade neste sentido. Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno que cubra as prazas vacantes antes do período estival, que é o peor en canto a volume de traballo polo incremento de solicitudes.
De facto, segundo un Informe da OCU, a Dirección Xeral de Tráfico é a que sofre un maior tempo de espera de toda a Administración pública, cunha media de 48 días de espera. Tamén indica que nunha de cada tres peticións existen problemas: ou non quedan horas dispoñibles, ou hai que esperar máis de dúas semanas ou ben che dan unha cita noutro lugar lonxe do domicilio.
Así mesmo, desde a pandemia xa non se pode acudir directamente a unha oficina da DXT para realizar calquera dos trámites habituais. «Debe deixar de ser obrigatorio pedir cita previa para todo tipo de trámites ben a través do teléfono 060 ou na súa páxina web, porque isto provoca que se converta nun proceso de insistencia e cando se logra contactar aparecen os problemas de diferente tipo» sinala a senadora do BNG.