Comezan as obras para mellorar a accesibilidade na rúa Betanzos

por Redacción A Coruña

O Concello da Coruña inviste máis de 300.000 euros na intervención, que impulsará o carácter comercial da rúa

O Concello da Coruña iniciou este luns as obras para mellorar a accesibilidade na rúa Betanzos, no barrio do Ensanche, unha intervención que se prevé executar nun prazo aproximado de tres meses e para a que o Goberno de Inés Rey aprobou un investimento de máis de 300.000 euros.

Os traballos, que xa están en marcha, comezan coa substitución dos antigos colectores da rede de saneamento no treito que vai desde Juan Flórez a Rosalía de Castro. As novas tubaxes serán de PVC, máis seguras ante posibles fugas de augas. A isto sumarase, ademais, a instalación dunha nova rede para a recollida de augas pluviais. Esta actuación levarase a cabo por treitos, de forma progresiva, para non obstaculizar o desenvolvemento das obras que se están a executar en espazos comerciais da propia rúa.

Xa posteriormente, o Concello acometerá a renovación integral das beirarrúas, que serán ampliadas co obxectivo de gañar espazos destinados ao tránsito peonil nunha rúa que conecta cun dos principais enclaves comerciais da cidade, o mercado municipal Eusebio da Guarda, na praza de Lugo.

Os traballos sobre as beirarrúas levaranse a cabo baixo a premisa de homexeneizar a estética da rúa Betanzos en sintonía coa paisaxe urbana próxima, como a propia praza de Lugo ou a rúa Compostela. Isto suporá, na práctica, que o novo pavimento das beirarrúas será de lousas de granito gris, idéntico ao xa disposto nestas dúas localizacións e máis resistente fronte á erosión derivada das condicións meteorolóxicas e o paso do tempo. 

Ademais, aproveitando a ampliación dos espazos peonís, o Concello ten previsto plantar máis árbores, así como habilitar máis mobiliario urbano para o lecer da cidadanía.

Elevación dos pasos peonís

Outra das medidas a destacar no contexto desta actuación será a elevación dos pasos peonís existentes nos cruzamentos da rúa Betanzos con Teresa Herrera e a praza de Lugo, ao leste, e con Francisco Mariño e Rosalía de Castro ao oeste.

Nestas dúas localizacións, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade peonil, o firme da calzada pasará a estar ao mesmo nivel que que o pavimento da beirarrúa. Ademais, nos accesos aos pasos peonís disporanse baldosas podotáctiles, coa finalidade de facilitar o tránsito das persoas invidentes.

Un único carril de circulación

Actualmente, a calzada da rúa Betanzos está formulada nun formato de dous carrís de circulación -de 2,80 metros de ancho cada un- no mesmo sentido, en baixada cara a praza de Lugo. Porén, co obxectivo de mellorar a accesibilidade desta rúa, onde hai unha notable afluencia peonil polo impacto comercial da praza e o mercado municipal Eusebio da Guarda, o Goberno de Inés Rey apostará por ampliar as beirarrúas, gañando un metro de ancho en cada marxe.

Esta reconfiguración da rúa Betanzos suporá que a calzada pasará a contar cun único carril de circulación, dunha anchura de 3,50 metros, para o paso de vehículos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario