O Parlamento galego apoia a implantación da iniciativa empresarial de Altri en Palas de Rei, sempre que cumpra a máis estrita normativa medioambiental, técnica e sectorial

por Redacción Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que manifesta o seu apoio á implantación da iniciativa empresarial de Altri en Palas de Rei, sempre que se garanta o cumprimento da máis estrita normativa medioambiental, técnica e sectorial, por canto supón unha oportunidade para xerar riqueza e emprego cualificado na Comunidade galega, fomentar o asentamento de poboación no rural, pechar o ciclo produtivo e de valor da madeira, favorecer aos propietarios de montes, e xerar sinerxías con dous sectores clave da economía galega como son o téxtil e o forestal. Así mesmo, ínstase ao Goberno central a concretar liñas de apoio no marco dos fondos europeos Next Generation para o desenvolvemento deste proxecto coa maior celeridade posible, ao tempo que lle esixe que inclúa na Planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026 a construción dunha subestación eléctrica para a subministración desta planta.

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, lamentou que, “entre tanta desinformación, medias verdades, mentiras e fotos falsas que se están espallando sobre este proxecto, a verdade é que estamos perdendo a gran oportunidade de falar do verdadeiramente importante: o cumprimento das normas vixentes”. “Das normas europeas, españolas e galegas, as máis respectuosas co medio ambiente de todo o mundo e que determinarán se o proxecto de Altri cumpre ou non para a súa implantación”, indicou.

“Nós apoiaremos todas as iniciativas que, cun estrito cumprimento da normativa, permitan captar novos investimentos industriais e xeren novos postos de traballo, cualificados e de calidade, en Galicia”, asegurou a viceportavoz popular.

DEIXEN DE MENTIR

Neste sentido, Cristina Sanz pediu ao BNG que “deixe de mentir” e cualificou aos nacionalistas galegos como “o partido do non: non aos parques eólicos, non á eólica mariña, non á minaría, non ao turismo e non á implantación de calquera proxecto industrial en Galicia”. “Teñen vertido moitas mentiras, ben directamente ou ben mediante as súas plataformas afíns, que o único que perseguen é confundir aos cidadáns e intentar que Galicia non sexa un lugar atractivo no que investir”, lamentou.

Respecto do proxecto de Altri en Palas de Rei, a viceportavoz popular lembrou que será a primeira fábrica de lyocell de España e a segunda de Europa, e converterase nun referente mundial, xa que será a primeira fábrica do mundo que integrará todo o ciclo produtivo de transformación da madeira ata a elaboración dun tecido de alta calidade totalmente biodegradable.

O proxecto suporá un investimento próximo aos 1.000 millóns de euros e terá capacidade para xerar ata 4.000 empregos durante a súa construción e 2.500 postos de traballo, cualificados e de calidade, durante o seu funcionamento. Ademais, xerará sinerxias con outros sectores clave da economía galega, como é o caso do téxtil ou do forestal, ata o punto de que permitirá pechar en Galicia o ciclo produtivo e de valor da madeira.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario