Lara Méndez leva unha pregunta oral ao Pleno do Parlamento para reclamarlle á Consellería de Universidade que quite a “espada de Damocles” coa que están a ameazar ao Campus Terra de Lugo
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, presentará unha pregunta oral no Pleno da próxima semana para reclamarlle á Xunta que retire a “espada de Damocles” que supón o Decreto 222/2011, polo que fixan un mínimo de 45 alumnos de novo ingreso para garantir a continuidade dos graos universitarios nos campus periféricos. Méndez reuniuse co vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco Fraga, para presentarlle a proposta socialista.
Méndez esíxelle ao goberno galego que derrogue este Decreto “para ter a confianza e a tranquilidade” e evitar que “ano tras ano estean a expensas do que poida decidir a Consellería de Educación e Universidade”. Explicou que esta norma é a que está detrás da ameaza de reestruturación anunciada no Campus Terra de Lugo, que foi aprazada de forma temporal grazas á presión exercida pola comunidade universitaria, as institucións locais e a sociedade lucense.
Presentou ao Campus lugués como exemplo das consecuencias da decisión do goberno galego, que pretende suprimir os graos de Paisaxe e Enxeñaría Civil ou de Procesos Químicos, mentres os graos de Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria e o de Enxeñería Forestal e do medio natural serían convertidos en interuniversitarios no ano 2025.
Advertiu que malia este aprazamento temporal, “o certo é que continúa a existir unha ameaza latente sobre o futuro do Campus Terra como espazo docente e de investigación científica”, e que afecta ao futuro de dúas terceiras partes do alumnado e pon en perigo titulacións fundamentais no proceso de especialización do Campus.
Sinalou que a continuidade destas carreiras universitarias “non pode depender unicamente de dispor dun mínimo de alumnado” cando se trata por exemplo neste caso dunha formación especializada vencellada ao sector agrario, e polo tanto “columna vertebral do Campus Terra”. Lonxe de suprimilas, reclamou potenciar estas ensinanzas, porque “diso depende o motor económico dunha cidade, unha provincia e mesmo de toda Galicia, que é o sector Primario”.
Explicou que outras Comunidades Autónomas como son Cataluña ou Cantabria “non establecen este rango mínimo para darlle continuidade e viabilidade a carreiras universitarias, e que constitúen neste caso a columna vertebral do Campus de Lugo”.