Enric Pol Urrutia, Nachatter Singh Kaur e Cristina Chinea Montesdeoca gañan o II Premio Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais da Deputación

por Redacción A Coruña

A Deputación vén de facer público o fallo do II Premio Xoán Vicente Viqueira de investigación en Ciencias Sociais, Humanidades, Sustentabilidade e Innovación. Enric Pol Urrutia, Nachatter Singh Kaur e Cristina Chinea Montesdeoca foron as persoas que o pasado 5 de abril o xurado considerou como merecedoras do galardón nas súas tres modalidades, dotadas con 6.500 euros cada unha.

A deputada provincial delegada de Educación, Yoya Neira, que presidiu o acto de entrega dos galardóns, no que participou tamén a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, quixo lembrar «a transcendencia de Xoán Vicente Viqueira, impulsor do galego non só desde a educación, senón desde a súa vertente de investigador».

Ademais, explicou que a Deputación, con este galardón que leva o nome de Vicente Viqueira,  busca «recoñecer a impagable labor divulgativa de coñecemento de distintas persoas e entidades nun eido fundamental para o desenvolvemento como é o social e as humanidades».

Na modalidade de Premio á traxectoria de vida dedicada á investigación nalgún dos ámbitos das Ciencias Sociais ao longo dos últimos 30 anos recaeu no docente e investigador Enric Pol Urrutia, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Barcelona, xa que o xurado tivo en conta a súa amplísima traxectoria de currículo excelente e cunha obra de amplo impacto social a nivel internacional.

Premio á innovación científica foi para o investigador postdoutoral da UDC Nachatter Singh Kaur. O xurado considerou que a súa investigación supón unha innovación en relación cos desafíos da sociedade global e, de xeito específico, cos movementos migratorios e as redes de integración social, estando a investigación excelentemente catalogada de acordo aos indicadores biométricos máis habituais nas ciencias sociais.

Premio á calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova recaeu en Cristina Chinea Montesdeoca, da Universidad de La Laguna, xa que a investigación alimentaria constitúe un tema prioritario a nivel europeo, o seu traballo posúe unha calidade excelente e contribúe ademais a definir criterios de benestar social cun enfoque alimentario ecoloxicamente responsable.

A Deputación convocou esta segunda edición do premio ‘Xoan Vicente Viqueira’ en memoria do filósofo, psicólogo e escritor Xoan Vicente Viqueira Cortón, que naceu en Madrid pero viviu ata os 12 anos en Vixoi (Bergondo) e qued esenvolveu investigacións no eido do pensamento filosófico e apostou polo progreso da educación, sempre co galego por bandeira.

O obxectivo deste certame é o de recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado no eido das ciencias sociais e humanidades.

No acto de hoxe fíxose tamén a entrega física dos galardóns ás persoas gañadoras da primeira edición do galardón:José Mª Peiró, Ana García e Olaya Cutrín.

O xurado estivo composto pola deputada delegada de Educación, Yoya Neira Fernández, como presidenta; Jorge Sobral, Cristina García, María Pilar Vieiro, Ricardo Antonio García, e Marta Fernández, como vogais; e pola xefa da Sección de Educación e Cultura, Manuela Muñiz, como secretaria.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario