Cadernos da viaxe. A excepcionalidade democrática da amnistía. Por Xoán Antón Pérez-Lema

por Xoán Antón Pérez-Lema

O xoves 30-M o Congreso estatal aprobou definitivamente a lei orgánica que deixará sen efecto ningún todas as condutas incluídas no seu perímetro que foron obxecto dunha condena penal, definitiva ou aínda en fase de recurso, así como todas as investigacións penais desta  caste de condutas que, malia os case sete anos decorridos dende o outono de 2017

 A aprobación dunha amnistía non é un feito inédito nos sistemas democráticos, como ten estudado a Comisión de Venecia  do Consello de Europa, mais si é excepcional, porque en democracia só pode alicerzarse en razóns moi potentes de restauración da propia convivencia democrática

E estas razóns existen no caso dos procedementos penais xulgados ou instruídos das resultas de determinadas condutas de persoas vencelladas ao soberanismo catalán durante o chamado procès. Porque as necesidades de restauración da convivencia, como nos aprende o constitucionalista Joaquín Urías, están vencelladas intimamente coa absolutamente desaquelada e substancialmente iliberal reacción do Fiscal Xeral do Estado oficiante en outubro de 2017 e duns poucos, mais moi influentes, órganos xurisdicionais penais (nomeadamente as salas do penal do Supremo e do Superior de Catalunya, o xulgado central de instrución 6 de García Castellón e máis o xulgado de instrución 1 de Barcelona).

Os Gobernos de Quebec convocaron dous referéndums de autodeterminación (1980 e 1995), mais o goberno federal canadiano non botou mán nunca da acción penal. Por outra banda, nin cando Màs convocou a consulta cidadà de novembro de 2014 nin canda o referéndum de independencia do 1-Ou de 2017 existía o delicto de referéndum ilegal. Arrepía, logo,  como unha minoritaria corrente de fiscais e xuices puido ver rebelións ou terrorismos onde só había exercicio da política e do mandato parlamentario.

Moi axiña a lei orgánica de amnistía será Dereito aplicábel. E veremos entón se a sala do penal do Supremo quere levar o caso Puigdemont ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea a medio dunha cuestión prexudicial da que xurdirá unha resposta nidiamente descualificatoria da exposición que remese o Alto Tribunal español.. Porque é verdade que o Dereito europeo non considera amnistiábeis os delictos de terrorismo nin os de corrupción. Mais a proposta aprobada definiu un perímetro de condutas moi traballado polos xuristas consultados pola ERC e por JuntsxCat que exclúe da ampla e-novamente-iliberal definición do terrorismo da reforma do Código Penal de 2015 aprobada polo PP e polo PSOE, precisamente as condutas que o Dereito europeo tamén exclúe. E exclúe do ámbito da corrupción eses delictos españois de malversación impropia nos que non existe lucro  persoal ou de terceiros e, xa que logo, tampouco integran o concepto de corrupción do Dereito europeo.   

Se a democracia española tivese funcionado a xeito a respecto de Catalunya do 2014 en diante non se precisaría esta tan necesaria amnistía. Porque esta medida excepcional, dun xeito moi disruptivo-como ven de afirmar o xornalista catalán Jordi Barbeta-, amosa a necesidade de amañar os graves danos causados na convivencia da nación catalá por graves e recentes erros  do Estado.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario