Hoxe, nun encontro con representantes do sector pesqueiro na lonxa da Coruña acompañados polo coordinador de Pesca do PPdeG, Antonio Basanta, e o tamén candidato Pablo Gómez Cedró.
O Partido Popular de Galicia fixo hoxe un balance destes quince días de campaña e, a dous días da xornada electoral, destacou o logro de ter acadado un fito tan importante como o compromiso da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, de crear un comisario específico de Pesca e que este sexa do Partido Popular.
Así o destacaron esta mañá a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato Francisco Millán Mon nun encontro con representantes do sector pesqueiro na lonxa da Coruña. Una xuntanza como as moitas que se produciron ao longo da campaña e coas que os populares galegos quixeron expoñer as súas propostas ao sector e recoller as súas necesidades.
«O PP é o Partido da Pesca, tamén en Europa, fronte a outros que agora intentan disfrazarse de defensores da pesca cando durante toda a lexislatura estiveron aliados co Grupo dos Verdes, apoiando o veto á pesca de arrastre», sinalou a número dous dos populares galegos ao tempo que comprometía a continuación a defensa do sector primario por parte de Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez cando a partir do luns continúen como eurodeputados.
Prado insistiu, neste último día de campaña, na importancia de acudir masivamente ás urnas explicando que quedar na casa o domingo supón «avalar a amnistía, a corrupción de Pedro Sánchez, os pactos cos independentistas, a Lei do só si é si, a discriminación a Galicia». En definitiva, quedar na casa é «permitir que Sánchez poida dicir que todo o que está facendo está ben».
«Fronte aos que están convertendo estas eleccións nun plebiscito sobre Sánchez, nós aspiramos a que o Partido Popular teña forza en Europa para poder defender os intereses de Galicia, da nosa pesca, do noso rural e das nosas cidades», concluíu.
GALICIA NON SE ENTENDE SEN O MAR E A PESCA
Pola súa banda, o candidato Millán Mon quixo incidir na importancia do sector pesqueiro e da cadea mar-industria de Galicia para a nosa Comunidade na medida en que supoñen o 5% do PIB galego e que somos a primeira zona pesqueira de Europa.
«O que pase na pesca en Europa ten unha gran repercusión e un impacto directo na nosa frota», explicou neste sentido e poñendo en valor a boa nova que supón para o sector a creación dun comisario europeo específico de Pesca que «teña en conta non só a cuestión da sustentabilidade ambiental, senón tamén a sustentabilidade económica e social».
A IMPORTANCIA DO SECTOR PESQUEIRO NA CORUÑA
O presidente local do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, quixo poñer o foco tamén na riqueza que crea o sector pesqueiro na cidade, do cal dependen máis de 7.000 empregos. Por iso considera fundamental que «haxa representación galega no lugar onde se toman as decisións que afectan ao noso sector».
«Fronte á falta de compromiso coa xente do mar doutros partidos, no Partido Popular levamos no ADN a defensa do sector», remarcou a este respecto.