O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apuntou hoxe que as eleccións europeas celebradas hoxe ratifican aos socialistas como “referencia da esquerda” ao tempo que en Galicia camiñan na senda da reactivación, co 27,01 por cento dos votos. Gómez Besteiro fixo unha valoración da xornada que seguiu na sede do PSdeG en Santiago xunto co eurodeputado galego Nicolás González Casares e membros da dirección do partido.
Sinalou que os resultados en Galicia reflicten unha porcentaxe de apoio “importante para o PSdeG”, nun contexto “extraordinariamente adverso” nesta Comunidade Autónoma e en toda España, onde se sitúa como segunda forza moi cerca da primeira. Explicou que resulta un “gran resultado” nas eleccións europeas “máis importantes da historia” que tira por terra as expectativas coas que se presentaba o PP, que pretendía “arrasar” e quedou nun “empate”.
Alertou do “dobre fracaso” de Feijóo e Rueda, que non conseguiron levar a bo porto a súa estratexia de facer da convocatoria un plebiscito sobre a figura do presidente do goberno e que, lonxe de arrebatarlle votos á extrema dereita, demostraron que “o PP potencia moitísimo o voto da ultradereita”. Esixiulle ao PP un período de reflexión para abandonar a “política do barro e do fango” e que rexeite os contactos coa ultradereita que “non deben ser aceptados en democracia”.
Ademais, o líder dos socialistas galegos felicitou ao eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, que revalida o seu escano para os próximos 5 anos e que avala o seu traballo dende a Cámara europea con “proximidade total” á cidadanía e aos sectores produtivos.
Muro de contención
O eurodeputado galego do PSdeG, Nicolás González Casares, dixo que os resultados destas eleccións demostran que os socialistas mantéñense “firmes” a pesares do “acoso e derribo do PP, que abrindo as portas á extrema dereita non conseguiu dobregar ao PSOE”, consolidado como “o mellor muro de contención contra a ultradereita que sube en Europa”.
Explicou que os próximos 5 anos traballarán como “parapeto contra a ultradereita” en Europa e para ser “a voz e a influenza” de Galicia cunha presenza de peso “nun dos principais grupos do Paramento Europeo” grazas aos resultados en Galicia. Salientou que o traballo dos socialistas galegos ben avalado nesta Comunidade Autónoma polos sufraxios que os sitúan como segunda forza, coa terceira “moi lonxe en distancia”, a máis de 11 puntos.
Advertiu que “non confiar no PSOE pode ser perigoso para este país”, sinaladamente cun PP que “pon en perigo á democracia” cunha estratexia coa que “non só lle está abrindo as portas á ultradereita, senón tamén á ultradereita antisistema”. Reclamoulles que rectifiquen o “discurso do lodo e do fango”, que “empeora a democracia e a relación política entre as nosas forzas”.