Grupo Socialista: «A Xunta segue sen tomar medidas para a retirada preventiva do lixo mariño 6 meses despois da crise dos pélets» 

por Redacción Galicia

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou á Xunta de realizar políticas de “greenwashing” ou “ecopostureo”: aparentar que toman medidas medioambientais. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de hoxe na que criticou que 6 meses despois da crise dos pélets non teñan tomado medidas decididas para a retirada do lixo mariño.

Castro criticou que non teñan aprendido nada da invasión da costa galega de boliñas de plástico logo do accidente dun cargueiro fronte ás costas de Portugal o pasado mes de decembro, cando amosaron unha “nefasta xestión” por parte da Xunta, que “no canto de actuar preferiu confrontar”. A raíz daquela crise quedou demostrada a inxente cantidade de plásticos que chegan ás costas galegas, xa que nunha sola semana recolleron 2.476 quilos de pélets e 5.478 de outros plásticos.

A parlamentaria socialista lembroulle á conselleira de Medio Ambiente que ten que cumprir coas medidas establecidas no informe da Comisión de Medio Ambiente aprobado o 25 de marzo de 2021 para reducir os residuos mariños”. Este informe recomenda tomar plans e marcos de actuación propios ademais de colaborar nos proxectos europeos, mentres a iniciativa do goberno galego limítase a “accións illadas ou colaboracións en proxectos privados ou da Universidade”.

Criticou que o goberno galego teña incumprido o acordo parlamentario aprobado en xuño de 2021 para crear unha partida específica para a recollida e recuperación de residuos mariños, desenvolver campañas de información e sensibilización, elaborar un Plan específico de reciclaxe e realizar unha avaliación anual das características e tipos de residuos recollidos para tomar medidas preventivas.

Advertiu que as previsións estiman que no ano 2025 os océanos teñan unha tonelada de plástico por cada 3 toneladas de peixe, e que en 2050 a cantidade de residuos sexa maior que a de peixe, polo que alertou da urxencia de desenvolver estratexias para reducir o uso de plásticos e artellar a súa retirada dos océanos. Criticou que as actuacións do PP e do goberno galego vaian no sentido contrario, ao negarse a incluír na Lei de Residuos medidas contra o uso de plásticos dun só uso.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario