Cualedro, un posible fitotopónimo relacionado coa abelá

por Redacción Ourense

O experto en toponimia explicará a orixe e o significado de topónimos locais como o da Xironda ou o do propio concello

 Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará esta tarde (20 horas) a Cualedro. A Casa da Cultura deste concello ourensán acollerá a primeira charla desta tempada da campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na sesión o público aprenderá como empregar a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía colaborar na recolla e xeolocalización de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder. O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicará ademais a orixe e o significado dos topónimos que designan este municipio e as súas parroquias e aldeas. O alcalde de Cualedro, Luciano Rivero Cuquejo, presentará a sesión.

A charla en Cualedro é de grande importancia por diferentes factores: en só vinte anos este municipio perdeu un 30% da súa poboación e máis da metade dos cualedraos xa teñen máis de 60 anos. Ademais, non foi obxecto do traballo de campo do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011.

Grazas ao labor do alumnado do IES Lagoa de Antela e ao doutros colaboradores como Nica Palomares, xa se rexistraron no visor de Galicia Nomeada algo máis dun cento de nomes, pero aínda quedan moitos microtopónimos por engadir deste concello. É por isto que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento a todos os veciños e veciñas para que acudan á cita deste venres e participen neste proxecto cultural achegando os nomes que saben da súa aldea.

Cualedro, un posible fitotopónimo único en Galicia

Ademais da formación práctica sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo explicará a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas de Cualedro, sección que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Este experto en toponimia é o autor da hipótese de que o nome da parroquia da Xironda pode ser unha retoponimización do rei Afonso VIII (chamado o IX). Segundo Navaza, o rei galego inspirouse no topónimo francés La Gironde ou talvez no catalán Gironda para rebautizar a parroquia que ata o século XIV era coñecida como Vilamaior.

Vicente Feijoo afondará na etimoloxía da Xironda e tamén na do propio nome do concello. Aínda que algúns autores propuxeron como étimo o sintagma latino AQUAS LAETERAS, ‘augas levadas’ en referencia á existencia de canles para conducir a auga de regadío ata un lugar, esta proposta ten dúas importantes eivas: a evolución fonética do latín ao galego e a carencia de probas documentais. Recentemente está a cobrar relevancia a hipótese que vincula o nome de Cualedro cun fitotopónimo antiquísimo, CORYLETU, formada polo nome latino CORYLUS e mais o sufixo abundancial –ETU cunha evolución Coriletu > Corledo > Coledro / Cualedro. Este CORYLUS era o nome no latín clásico para a abelá e sería o único testemuño en toda a nosa xeografía dun topónimo derivado da forma clásica latina desta árbore.

En galego triunfou unha variante denominativa posterior ao CORYLUS clásico, ABELLA, a partir do sintagma CORYLUS ABELLANA, e que procede dunha cidade da península itálica onde debeu ser tan común o cultivo deste froito que acabou por denominalo: a comuna actual de Avella, na Campania italiana.

A campaña Toponimízate continuará o vindeiro sábado, 22 de xuño, na provincia de Ourense cunha nova visita ao concello de Vilar de Santos. A charla terá lugar a partir das 12:00 horas no Museo Etnográfico da Limia (Rúa de Celanova, 63, Vilar de Santos). Xa no mes de outubro, o día 16, fará parada na Arnoia cunha sesión na Cooperativa do Pemento, tamén ao mediodía.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario