Moaña será esta fin de semana a sede de tres Campionatos de Galicia de ciclismo

por Redacción Deportes

Os cadetes, os juniors e as categorías de mulleres, con récord de inscricións femininas, pugnarán polas camisolas autonómicas de fondo en Estrada

No 2024 a capital do ciclismo galego de Estrada é Moaña. Esta vila da comarca pontevedresa do Morrazo acollerá catro Campionatos autonómicos, e os tres primeiros celébranse esta fin de semana, a última do mes de xuño. O sábado pola tarde pugnarán polas camisolas da Federación Ciclismo Galego (FCG) os cadetes e todas as categorías femininas, unha carreira de mulleres que presentará un récord histórico de participación. O colofón a estas dúas xornadas corresponderá o domingo pola mañá aos juniors.

A A.D. Punta Fondón exercerá de entidade anfitrioa, do mesmo xeito que acontecerá o 25 de agosto cando teña lugar en Moaña o Campionato de Galicia Elite e Sub-23 masculino. As tres probas desta fin de semana reunirán a preto de 200 ciclistas e o programa de carreiras divídese en tres entregas. O sábado ás 16:00 horas arrancará a proba cadete. Á conclusión da mesma, ás 18:00 h,  porase en marcha o pelotón feminino formado por corredoras cadetes, juniors, sub23, elites e masters. Para o domingo a partir das 10:30 h queda a quenda dos juniors.

A organización preparou un percorrido que consta de dous circuítos polas estradas de Moaña. Tendo sempre como epicentro a Avenida de Concepción Arenal, todas as categorías realizarán primeiro un ida e volta a Domaio de 18,4 quilómetros. O segundo circuíto inclúe a subida ao Alto da Fraga, de 3ª categoría. Haberá tres distancias: 45 km para as cadetes, as juniors e as masters -cunha ascensión á Fraga-; 59 km para as elite e sub-23, así como para os cadetes -con dúas subidas á Fraga; e 101 km para os juniors -con cinco pasos polo único porto de montaña-.

imagen
imagen
imagen

O acto de presentación deste evento, que tamén forma parte do calendario da Real Federación Española de Ciclismo, contou coa presenza de Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; de Rubén Viéitez, concelleiro de Deportes; de José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; de Enrique Vaz, presidente da A.D. Punta Fondón; e de José Antonio Ramos, presidente do Club Ciclista Teis.

Rubén Viéitez apuntou que “o circuíto da Fraga vai ser espectacular para todas e todos” e lembrou como xurdiu a proposta para que Moaña se convertera na sede destes tres campionatos: “O ano pasado nolo comentaron durante a Domaio Heroica-Desafío Delio Fernández e nós, sempre dentro das posibilidades que temos, estamos encantados de albergar eventos como este. O ciclismo transmite valores moi bos”.

Pola súa banda, Juan Carlos Muñiz revelou que a inscrición feminina xa se sitúa en 60 corredoras cando aínda non se pechou o prazo para anotarse. “Imos ter a mellor participación de mulleres da historia”, afirmou o presidente da FCG antes de poñer en valor “o apoio do Concello de Moaña e o traballo dun club local, da A.D. Punta Fondón. Ademais, hai que destacar que esta entidade alberga en Moaña a un equipo Elite e Sub-23”.

imagen

Ao auxe do ciclismo feminino tamén se referiu José Ramón Lete Lasa: “Dende o ano 2009 as licenzas femininas  medraron un 500% en Galicia. O ciclismo é de todos e cada vez é máis das mulleres”. De todas as competidoras que se van dar cita en Moaña, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia referiuse a unha corredora: “Esta temporada está sendo especial para o ciclismo base porque temos a unha figura, a Alejandra Neira, á líder da Copa de España Cadete”.

A carreira feminina dos campionatos “resulta especialmente emotiva” para o concello de Moaña segundo indicou Leticia Santos porque “para nós é fundamental a aposta pola igualdade en todos os ámbitos. O deporte non debe ter sexo”. A alcaldesa considera “unha honra como vila acoller por primeira vez estes tres campionatos” e fixo un chamamento á veciñanza para que “se sume e sexa partícipe animando durante a tarde do sábado e a mañá do domingo ás persoas participantes”.

A organización quere agradecer a colaboración da Policía Local de Moaña, de Protección Civil e da Dirección Xeral de Tráfico para que a seguridade das corredoras e dos corredores esté garantida neste triplo campionato. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario