Trátase dunha disciplina na que prima a habilidade dos pilotos sobre a velocidade.
O vindeiro sábado o Concello da Laracha acollerá por segunda vez unha proba puntuable para o Campionato de Galicia de Slálom.
O presidente da escudería organizadora, Arteixo Motorsport, xunto con varios dos seus colaboradores, acompañados do alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Patricia Bello e Pablo Cambón, fixeron hoxe na Praza do Concello a presentación desta proba.
Trátase dunha competición automobilística na que os participantes demostran a súa pericia e habilidade ao volante evadindo obstáculos artificiais como conos ou portas. Ao comportar constantes cambios de dirección, nesta disciplina priman as competencias dos condutores no control do vehículo sobre a potencia, xa que a velocidade é menor que noutro tipo de probas.
A proba comezará ás 10.00 h no parque empresarial da Laracha. Pola mañá serán os adestramentos libres e pola tarde será a quenda das mangas oficiais. Serán 58 as persoas que competirán nas distintas categorías.