O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, presidiu esta mañá a mesa sectorial creada desde o Concello con todos os representantes de entidades afectadas polo desenvolvemento das vivendas de uso turístico (VUT).
Estiveron na mesa Luisa Varela e Juan Manuel Iglesias por parte da Federación de Asociacións Veciñais, Juan José Yáñez por parte de Aproinco, Lisardo Núñez e Rafael Serrano por parte de Aviturga, Agustín Collazo por Hospeco, Teresa Suárez Agrasar do Colexio Oficial de Administradores de Fincas, Patricia Vérez e Esperanza González do Colexio Oficial da Propiedade Inmobiliaria, Ruth Varela do COAG e Miguel López por parte da Asociación de Consumidores.
Na reunión da mesa, a terceira que ten lugar, o concelleiro explicou os pasos que está a dar o Goberno de Inés Rey para establecer unha regulación das VUT. Desde este mes e ata finais de xullo, indicou Díaz Gallego, o Concello enviará as notificacións correspondentes aos 1.277 propietarios de vivendas turísticas que constan na cidade, notificacións nas que se lles indica a necesidade de darse de alta como actividade económica e se lles explica a normativa municipal para ditas vivendas.
A normativa municipal limita desde o Plan Xeral de 2013 a instalación de VUT, que deben cumprir uns requisitos. Así, en zona Pepri só poderán ocupar edificios completos e plantas baixas ou seguintes vencelladas á baixa. No resto da cidade, en planta baixa e primeira.
Todas as partes reunidas hoxe nas dependencias de Urbanismo coincidiron na necesidade de avanzar nunha regulación do sector que debe facerse o antes posible. As distintas entidades comprometéronse a enviar por escrito as súas propostas durante o mes de xullo, co obxectivo de volver convocar unha reunión en setembro na que debater xa sobre un bosquexo da ordenanza reguladora. “A nosa intención é escoitar a todas partes e ter en conta todas as sensibilidades á hora de establecer un regulamento, tendo en conta, en todo caso, que un regulamento é necesario para evitar que as vivendas de uso turístico poidan converterse nun problema para a convivencia veciñal e para o mercado do alugueiro”, indicou Díaz Gallego.