Rexistra novas iniciativas para instar o Goberno a aumentar o número de parazas, frecuencias e repor as seis lanzadeiras que o Goberno aínda non recuperou entre Vigo e Pontevedra
O Bloque Nacionalista Galego rexistrará novas iniciativas de para reclamar ao Goberno do Estado que aumente as frecuencias ferroviarias no Eixo Atlántico. Ante a negativa de Renfe a ofrecer máis servizos nas liñas galegas e ante a alta demanda que posúen, a frente nacionalista levará a debate e votación unha Proposición Non de Lei para exixir a rectificación do Goberno e apostar, de forma decidida, polo ferrocarril na Galiza. Neste sentido, Rego lembra que é moi habitual que non haxa billetes dispoñíbeis en toda unha xornada, o que demostra a necesidade de aumentar as prazas e as frecuencias entre A Coruña e Vigo.
A organización nacionalista volve denunciar o problema estrutural existente no transporte por ferrocarril no Eixo Atlántico ante a falta de prazas tras a negativa de Renfe de repor as seis lanzadeiras existentes antes da pandemia entre Vigo e Pontevedra e, sobre todo, aumentar prazas e frecuencias. A resposta do Ministerio á preguntas do BNG evidencia, para a frente nacionalista, un desinterese por parte do executivo para ofrecer un servizo ferroviario de calidade na Galiza, que atenda debidamente a alta demanda que existe.
“É unha reclamación non só do BNG senón das persoas usuarias, das plataformas e asociacións que empregan o ferrocarril de forma habitual. O Goberno é perfectamente coñecedor de que os servizos ferroviarios na Galiza están masificados e precisan de máis prazas e máis frecuencias debido á alta demanda existente” reivindica o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego explica que o desequilibrio entre oferta e demanda “é unha constante desde hai tempo e aínda non se abordou a pesar das reivindicacións e reclamacións emanadas da sociedade”.
Para a organización nacionalista é urxente solucionar a falta dun servizo ferroviario que atenda as necesidades das persoas usuarias. “Conseguímolo co acordo de investidura cando o Goberno do Estado aceptou recuperar as frecuencias de OSP previas á pandemia mais o executivo debe cumprir a segunda parte dese punto que é estudar o aumento de servizos na rede ferroviaria estatal na Galiza” lembra o deputado nacionalista. Un estudo, explica Rego, que só precisa ver como cada día as frecuencias ferroviarias existentes carecen de máis prazas ante a alta demanda existente.
“O pasado 20 de xuño lembráballe ao Ministro de Transportes a necesidade de mellorar o servizo ferroviario. Non se trata só de abaratar billetes de tren, que tamén, senón de ofertar prazas suficientes e mesmo exemplifiquei o caso cunha denuncia dunha usuaria que relataba nas Redes Sociais a inexistencia de prazas durante toda unha xornada. Este é o caso ao moitos galegos e galegas se enfrontan en moitas ocasións” evidencia Rego.
A debate: máis frecuencias e máis prazas
No concreto, a frente nacionalista levará a debate e votación na cámara baixa unha iniciativa onde a súa parte resolutiva insta o Goberno a “aumentar prazas e frecuencias, realizando unha planificación dos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e dos servizos de Media Distancia que atenda a elevada demanda existente, que permita a cohesión territorial e social da Galiza e que facilite a mobilidade diaria dos galegos e galegas”.
Épreciso aprobar unha Programación ferroviaria do Eixo Atlántico e servizos MD que contemple o incremento das frecuencias e o aumento das praza atendendo a demanda existente de uso do ferrocarril. “Levar a cabo unha reorganización dos horarios da conexión Vigo-A Coruña, reforzando os servizos nas franxas de maior demanda: primeira hora da mañá, mediodía e tarde noite e recuperar os seis servizos ferroviarios que existían antes da pandemia entre Vigo-Guixar e Pontevedra” entre os puntos asinados polo BNG.