O Grupo Socialista acusa á Xunta de non poñer “nin unha sola medida” enriba da mesa para axudar ás persoas que viven do marisqueo

por Redacción Galicia

Julio Abalde alerta da caída da produción do 80 por cento nos bancos marisqueiros da Costa da Morte e critica a falla de medidas concretas no Plan de sustentabilidade do goberno galego

O portavoz de Pesca e Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Abalde, lamentou hoxe que a Consellería de Pesca non prevea “nin unha sola medida” para apoiar ás persoas que viven do marisqueo e que están a padecer unha caída drástica da produtividade. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca para reclamarlle á Xunta apoio para o sector nos bancos marisqueiros da Costa da Morte.

Advertiu que os bancos de Camariñas, Ponteceso ou Anllóns están a rexistrar unha caída de preto do 80 por cento na produción de ameixa e berberecho, que ten un impacto directo na economía das familias que dependen deste recurso e que “non poden agardar” 2 ou 3 anos a que a Xunta remate coas súas investigacións. Alertou da urxencia da situación de milleiros de familias na Costa da Morte pero tamén no resto de Galicia que “necesitan axuda para sobrevivir”.

Criticou que o Plan Xeral de Sustentabilidade do sector marisqueiro anunciado polo goberno galego carece de medidas concretas para recuperar a produción e tamén para apoiar ás mariscadoras “fundamentalmente mulleres” que dependen do marisqueo. Lamentou que centren as intervencións en “obras e infraestruturas” pero “botamos en falta preocupación pola xente, polos traballadores e traballadoras do mar que están de novo sen poder faenar e levar diñeiro á casa”.

Urxiu a poñer enriba da mesa medidas que garantan a sustentabilidade do sector “en 2024, non dentro de 2 ou 3 anos, cando teñan todo monitorizado, pero que sexa tarde porque o sector teña desaparecido”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario