Aprobado con carácter inicial o plan especial de urbanización do entorno da igrexa de Lestón

por Redacción A Coruña

Contempla a creación dunha praza pública, que funcionará tamén como aparcamento, e a mellora das comunicacións viarias.

O expediente de expropiación dos terreos afectados iniciarase unha vez se eleve a aprobación a definitiva por parte do Pleno.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse a aprobación inicial do Plan especial de infraestruturas e dotacións que posibilitará a futura urbanización do entorno da igrexa parroquial de San Martiño de Lestón.

O Concello avanza, así, na tramitación administrativa e urbanística necesaria para levar a cabo a ampla e completa actuación proxectada, dirixida a crear nesa zona un espazo que, polas súas características e equipamentos, fará a dobre función de praza pública e de zona de aparcamento con capacidade para sesenta vehículos e tamén autobuses. Para unha mellor integración no entorno, prevese a colocación dun pavimento de celosía de formigón que permita o crecemento do céspede. O ámbito contará con franxas vexetais que actúen como elementos de transición entre os diferentes espazos e tamén cunha nova rede de iluminación pública en báculos. Ademais, contémplase tanto a mellora da accesibilidade peonil cara o adro e o cemiterio como das conexións viarias, enlazando as dúas estradas que conflúen no Igrexario de Lestón e o comunican coa AC-552 á altura, por un lado, das Rañeiras e, polo outro, de Fofelle.

Trala aprobación inicial, o Plan especial someterase ao período de exposición pública e solicitaranse as administracións públicas competentes os informes sectoriais preceptivosdurante os próximos tres meses. A continuación, elevarase o documento ao Pleno para a súa aprobación definitiva, momento no que o Concello estará en disposición de iniciar o procedemento de expropiación dos terreos delimitados no ámbito do Plan especial, que alcanzan unha superficie de 3.015 metros cadrados repartidos actualmente en catro parcelas catastrais.

Este proxecto significará unha mellora substancial dos equipamentos, a accesibilidade e da rede viaria no que é un dos puntos de encontro de referencia para a parroquia

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario