O festival celebra hoxe a súa derradeira xornada cos concertos de David Bustamante e Sabela
Arrancou a primeira xornada do Festival do Pasatempo con dous dos grandes nomes do panorama musical estatal, Andrés Suárez e Paula Mattheus. O Parque do Pasatempo voltou a acoller uns concertos que espertaron o espírito musical dun recinto inigualable.
A xornada estivo marcada pola volta a Betanzos, máis dunha década despois, de Andrés Suárez. O veciño ferrolán emocionou e animou a partes iguais, nun concerto que quedou marcado polo dueto entre os dous protagonistas da xornada. Paula Mattheus subiuse ao escenario por partida doble, e deixou claro nas súas dúas intervencións por que está sendo unha das artistas revelación deste ano dentro do panorama musical estatal.
O día de hoxe, última xornada do festival, destaca cun dos nomes máis importantes da música en España durante o século XXI, David Bustamante, que estará acompañado da artista galega Sabela. Bustamante é unha das mellores voces da música en español, e traerá a súa xira “Veinte años y un destino” ata o Parque do Pasatempo de Betanzos, nun espectáculo no que repasará os seus máis de 20 anos de carreira. 19 discos de platino, varios discos de ouro e máis de 1.000 concertos avalan a súa carreira musical e convérteno nun dos artistas máis importantes do país. Mentres tanto, Sabela é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual, sendo un dos grandes alicerces deste xénero en Galicia. A artista ven de estrear o seu novo sinxelo “Hi, My Love”, co que pretende revolucionar o pop electrónico galego. Tamén se atopa presentando a súa xira baixo o nome de “Hi, My Love Part”, que despois de conquistar algunhas das grandes cidades do país como Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Valladolid, Jaén ou Oviedo, continúa por terras galegas, con concertos este verán no Náutico de San Vicente e no festival SonRías Baixas. Cara finais de ano e comezos do 2025, Sabela seguirá presentando o seu novo traballo por algunhas das salas máis importantes de Galicia.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras ou Caamaño&Ameixeiras entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio de Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos.
Fotos: Christian Pérez