O Grupo Socialista critica o «desoprezo» da Xunta polos usuarios de transporte público pola súa «desidia» no seguimento dos contratos coas concesionarias

por Redacción Galicia

O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Carlos López Font, criticou hoxe a “desidia e desprezo” que amosa o goberno galego cara aos usuarios do transporte público. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra do PP á moción que presentaron os socialistas no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que atenda ás recomendacións do Consello de Contas e reforce o seguimento das concesións de transporte e cumpra cos obxectivos do Plan de Transporte Público.

O responsable socialista afeoulle ao goberno galego que renuncie a abordar o “problema real de planificación” e de dar resposta ás deficiencias denunciadas tanto polos concellos afectados como polos usuarios e usuarias, e polo recente informe do Consello de Contas. Lembra que o ente fiscalizador deulle un “tirón de orellas á xestión do goberno do PP”, que acusa ao goberno galego de abdicar da súa obriga de inspección e control nos contratos asinados.

O mesmo ente alerta de que a Xunta desatendide as queixas dos usuarios, négase a impoñer multas ás empresas que incumpren, carece de planificación, polo que “insta a reforzar o seguimento dos contratos”. Alertou de que Galicia “non conta” cun Plan para o Transporte Metropolitano na contorna urbana, carece de instrumento de planificación estratéxica, renuncian a cobrar o canon pola explotación e permiten unha participación nas licitacións limitada a unha ou dúas empresas.

Criticou que o PP e o goberno galego opten por “desviar a atención das súas responsabilidades” mirando unicamente para a xestión dos demais, cando o aluvión de queixas dos usuarios delatan unha xestión desastrosa do transporte por estrada. O responsable socialista enumerou os problemas xeneralizados no servizo pola falta de prazas, incumprimento de horarios, perda de frecuencias e liñas, con usuarios “tirados nas paradas” pola redución das frecuencias.

É o caso de “onte mesmo” en Vigo, onde ducias de pasaxeiros tiveron que agardar unha hora ata que saíra o seguinte autobús a Pontevedra, ou zonas de veraneo onde na época estival retiran frecuencias e os usuarios nin sequera poden utilizar as tarxetas de transporte, como entre a cidade olívica e o Val Miñor.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario