O Atlantic Pride reuniu máis de 25.000 persoas na súa 5ª edición

por Redacción A Coruña

O ‘Orgullo do Norte’ celebrado na Coruña do 7 ao 14 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Lucía Pérez, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e ata máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia, pese a choiva que se viviu na cidade a pasada semana

O Atlantic Pride reuniu máis de 25.000 persoas na súa 5ª edición. Deste xeito, o ‘Orgullo do Norte’ celebrado na Coruña do 7 ao 14 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Lucía Pérez, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e ata máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia, pese que a choiva vivida na cidade a pasada semana nalgunha das veladas.

A cita consolídase como un referente dos ‘Orgullos’ que se celebran nesta época do ano ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, e no que se reúnen coloridas propostas para todos os públicos. No seu programa teñen tamén cabida divertidas e explosivas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega, sesións ‘After Party’ e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que neste 2024 rexistrou o seu récord de participación. 

Iván Cervo, un dos directores do Atlantic Pride, quixo transmitir o seu agradecemento a todas as persoas que un ano máis fixeron posible o festival: artistas, público, equipos, patrocinadores e apoios. «Desde a Asociación Orgullo Coruña e o Atlantic Pride queremos agradecer a todas as persoas e colectivos que gozaron deste evento aberto e diverso, que neste 2024 consolidouse como unha das citas de referencia da música no noroeste peninsular». E continuou: «Grazas, tamén, aos artistas programados, pola súa xenerosidade e polo bo ambiente que crearon ao longo dos oitos días nos que se celebrou o Atlantic Pride».

Sobre a asistencia, Cervo destacou que, «a pesar deste atípico verán coruñés, as cifras de público do festival foron case récord nos tres escenarios nos que o evento tivo lugar: a Fundación Luís Seoane, a Praza de Pontevedra e os Xardíns de Méndez Núñez». «Isto é unha mostra máis do interese que o evento xera na cidade da Coruña», remarcou, concluíndo que, moi pronto, «agardamos anunciar novidades para a edición 2025 do Alantic Pride e, mentres tanto, seguiremos celebrando a diversidade, a inclusión e a integración durante todo o ano».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario