O Pleno da Deputación de Ourense aproba os convenios de colaboración que permitirán construír sete residencias para maiores noutros tantos concellos ourensáns

por Redacción Ourense
Pleno ordinario da Deputación Ourense correspondente ó mes de xullo. Asisten Luís Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª); Cesar Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Rosendo Fernández; Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU); José Miguel Pérez Blecua (Deputado PPOU); Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); María del Carmen González Quintela (Deputada PPOU); José María Lago Cabo (Deputado PPOU); María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU); José Ignacio Gómez Pérez (Deputado PSOE); Elvira Lama Fernández (Deputado PSOE); Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE); Susana Rodríguez Estévez (Deputado PSOE); Marina Vaz Quintillán (Deputada PSOE); Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE); Aurentino Alonso Araujo (Deputado PSOE); Armando Ojea Bouzo (Deputado DO); Gonzalo Pérez Jácome (Deputado DO); Rafael Martínez Cachafeiro (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG), Xosé Manuel Puga González (Deputado BNG), María José Mangana Guede (Deputada BNG), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).

A institución provincial investirá 2.650.916,95 euros nas anualidades de 2024 e 2025 para cofinanciar a construción de centros para maiores na Gudiña, A Teixeira, Laza, Piñor, Trasmiras, Xunqueira de Ambía e Os Blancos. O Goberno galego achegará un investimento de 8.344.765,39, tamén nas dúas anualidades citadas.

O pleno da Deputación de Ourense, na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo, aprobou hoxe os convenios de colaboración con sete concellos da provincia para a construción doutras tantas residencias para maiores, cun investimento por parte da institución provincial de 2.650.916,95 euros nas anualidades de 2024 e 2025.

Estes convenios permitirán cofinanciar a construción de centros para maiores nos concellos da Gudiña, A Teixeira, Laza, Piñor, Trasmiras, Xunqueira de Ambía e Os Blancos, contando para este fin co apoio económico da Xunta de Galicia. Así, o Goberno galego achegará un investimento de 8.344.765,39, tamén nas dúas anualidades citadas.

No cofinanciamento destas residencias tamén participan tres dos sete concellos: A Teixeira e Trasmiras achegarán 336.944,26 euros, respectivamente, mentres que Piñor aportará 1.000 euros.

Estes convenios de colaboración enmárcanse no ámbito competencial da Deputación e das entidades locais, tendo como finalidade garantir a prestación de servizos de interese público, como é o caso das residencias para maiores.

Na sesión desta mañá a corporación provincial aprobou ademais unha modificación de crédito mediante a concesión dun suplemento de crédito e a modificación das bases de execución do orzamento vixente. Polo que respecta ao suplemento de crédito, a cantidade autorizada ascende 625.000 euros, financiados co remanente de tesourería para gastos xerais, e destinados ao Plan CooperOU.

A modificación das bases de execución non afectan cuantitativamente ao orzamento, en tanto corresponden ao cambio de obxecto das subvencións. Este apartado afecta por unha banda aos concellos de Lobeira e Muíños, ademais das seguintes entidades: Proxecto Home Galicia; Asociación Club Recreativo As Burgas; e Reserva da Biosfera de Allariz.

Servizos mínimos obrigatorios nos Blancos

Entre os asuntos tratado no pleno figuraba a aprobación dunha solicitude á Xunta de Galicia para asumir, por parte da Deputación, a prestación de servizos mínimos obrigatorios municipais do Concello dos Blancos. Trátase dunha nova prórroga, desta volta ata marzo de 2026, para prestar os servizos mínimos que vén asumindo a Deputación logo da grave situación de risco financeiro na que se atopaba o concello en 2017.

Os servizos dos que se fai cargo a institución provincial son abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento, pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación e iluminación pública. A Deputación tamén se fará cargo da ordenación e xestión dos ditos servizos, incluídas as facultades de imposición e ordenación de taxas polos servizos, no caso de que estas procedan.

A Deputación poderá propoñer a prórroga sucesiva da asunción dos servizos para períodos de dous anos durante a vixencia do plan axuste do Concello dos Blancos, no caso de que subsistan as causas que a motivaron e non existan alternativas para garantir a prestación dos servizos.

Aprobouse tamén definitivamente o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento e a súa integración no orzamento xeral da Deputación de 2024, logo de estudar a desestimar unha alegación presentada. Así, o orzamento deste consorcio terá neste ano un importe de 4.651.125,63 euros.

Sinalar, por último, a aceptación da delegación de competencias formulada polo Concello de Castro Caldelas, para tramitar a expropiación dunha parcela necesaria para executar o proxecto de restauración medioambiental da zona de baño no río Edo, situada na área de Ponte das Táboas, en Castro Caldelas.

Iniciativas sobre infraestruturas en Valdeorras e benestar animal

No apartado de iniciativas dos grupos políticos, o pleno aprobou senllas mocións sobre a mellora das infraestruturas viarias en Valdeorras e benestar animal.

Sobre a primeira, acordouse esixir á Xunta de Galicia a contratación, á maior brevidade e a ser posible antes do remate de 2024, das obras de arranxo da OU-533, incluíndo unha partida nos orzamentos de 2025 para o acondicionamento desta estrada.

Pídese tamén á Deputación que inste ao Goberno de España a realizar a mellora integral do firme da N-120 e nomeadamente na comarca de Valdeorras. Tamén que se fagan os traballos de limpeza de biomasa nos noiros da N-120, priorizando os núcleos habitados, cumprindo ademais coa Lei de Prevención e Defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Entre as peticións figuran ademais un estudo dos puntos negros da N-120 no referido a choques con fauna salvaxe e realizar peches nesas zonas, o acceso á Rúa e Vilamartín e destinar fondos para estas actuacións no orzamentos xerais do Estado, así como o orzamento necesario para executar sen máis demoras a A-76.

No referido á iniciativa sobre benestar animal, a Corporación provincial insta ao Goberno de España a que dote orzamentariamente os concellos dunha partida para aplicar a Lei de Protección dos Dereitos e Benestar dos Animais, en base a criterios obxectivos baseados nun censo sobre os animais domésticos que viven no concello, tipo de especie, estado (abandonado, libre, en explotación) ou idade. Tamén se pide a modificación desta lei para emendar as carencias observadas, atendendo os criterios dos profesionais sanitarios do sector e das recomendacións feitas pola FEMP.

Por último, no que atinxe á proposta sobre o actual canon por tonelada de residuos xestionada que pagan os concellos a Sogama, a corporación provincial acordou que a Deputacións inste á Xunta para implantar medidas urxentes para avanzar cara unha xestión descentralizada dos residuos con plantas de proximidade, así como para que se manteña o canon actual que pagan os concellos adscritos a Sogama de 66€ por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente do IVE.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario