A peza, dirixida por Nicolas Roeg, aborda a historia de dous rapaces que vagan polo deserto, deixados á súa sorte, ata que coñecen a un aborixe australiano. A película foi proposta á Palma de Ouro do Festival de Cannes no ano 1971.
Este mércores 31 remata a 12ª edición do ciclo de películas de culto ‘Cinenterraza‘, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey que se desenvolveu ao longo deste mes no Fórum Metropolitano, coa proxección en VOS de títulos clásicos de Orson Welles e Ingmar Bergman, entre outros cineastas.
A longametraxe australiana Walkabout (1971), de Nicolas Roeg, pechará mañá o ciclo, cunha sesión que comezará ás 22.30 horas. Será unha boa oportunidade para gozar dunha película que foi proposta á Palma de Ouro no Festival de Cannes a inicios dos anos setenta.
Considerada como unha das mellores de todos os tempos no país oceánico, Walkabout aborda a historia de dous rapaces que vagan polo desierto australiano, deixados á súa sorte, tras o pasamento do seu pai. Neste periplo errático por unha paisaxe aparentemente hostil, ambos os nenos coñecerán a un nativo aborixe, experiencia que suporá un punto de inflexión para os dous.
O nome da película, Walkabout, fai referencia á viaxe ritual á madurez que emprenden os aborixes australianos cando cumpren 16 anos. É entón cando, para chegar á súa vida adulta, adéntranse no deserto, deambulando e abastecéndose só co que a terra lles ofrece.
Como xa é habitual, a proxección irá precedida dun coloquio inicial no que Javier Trigales, programador cultural, guionista e coordinador do ciclo, fará unha sinopse previa na que achegará ao público os principais detalles e información sobre a longametraxe da xornada.
As entradas para asistir á proxección xa están á venda. Poden adquirirse a través da páxina web de Ataquilla, así como no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense. Tamén se habilitará a súa venda no Fórum Metropolitano este mércores, sempre e cando haxa pases dispoñibles.