O CITEEC da UDC consegue máis de un millón de euros na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023

A duración dos proxectos é de 3 ou 4 anos, por un importe total conxunto de 1.143.875,00 €

De acordo coa proposta de resolución provisional do procedemento de concesión de axudas 2023 a Proxectos de xeración de coñecemento e actuacións para a formación de persoal investigador predoutoral asociadas a ditos proxectos, no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, celebramos que dende os diferentes grupos de investigación vinculados ao CITEEC aceptáronse 7 proxectos de investigación, dos 8 solicitados, que amosa a elevada taxa de éxito nesta convocatoria e pon de manifesto a excelencia científica que se está a levar a cabo no centro.

No grupo de Mecánica de Estructuras (GME) foron concedidos 2 proxectos de investigación, un dirixido por Jacobo Díaz García e Aitor Baldomir García, para o “Deseño óptimo de aeroestructuras seguras, eficientes e tolerantes a danos fronte a cargas extremas en réxime subsónico e supersónico”; e outro presentado por Félix Nieto Mouronte como investigador principal (IP), titulado “Fluxo turbulento de pequena escala sobre taboleiros de pontes: estudos experimentais e numéricos, e potencial para o control pasivo das vibracións inducidas por vórtices”.

No grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) fináncianse 2 proxectos, o liderado por Luis Cea Gómez e Jerónimo Puertas Agudo, para a “Mellora das previsións de inundación xeradas con modelos de base física mediante técnicas de intelixencia artificial”; e outro solicitado por Enrique Peña González, no que tamén é investigador principal Juan R. Rabuñal Dopico, do grupo de investigación RNASA-IMEDIR, sobre a seguridade portuaria: “Portos seguros e eficientes: xestión integral do risco operacional mediante monitorización, técnicas avanzadas e Machine Learning. Aplicación na Coruña, Ferrol e Malpica”.

No grupo de Construción (GCONS) obtén financiación o proxecto liderado por Belén González Fonteboa e Sindy Seara Paz, titulado “Nanoenxeñaría sostible para o desenvolvemento de materiais base cemento de altas prestacións utilizando nanocelulosa derivada de biomasa”. 

E finalmente no grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), concederon financiación ao proxecto dirixido por Fermín Navarrina, para a “Optimización topolóxica de estruturas con restricións avanzadas, incluíndo fenómenos dinámicos, pandeo e casos non lineais”; e outro dirixido por Guillermo Lorenzo González, para a execución de “Un xemelgo dixital para monitorización e radioterapia óptimas do cancro de próstata baseado en previsións computacionais personalizadas”

A duración dos proxectos oscila entre os 3 e os 4 anos, e suman un importe total conxunto de 1.143.875,00 euros.

Persoal investigador traxectoria excelente

Por outra banda, na resolución da liña de apoio para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento no Sistema Universitario de Galicia (SUG) da Xunta de Galicia, vén de ser concedida unha axuda a Pablo Guindos, investigador posdoutoral Ramón y Cajal no CITEEC. 

Pablo Guindos é enxeñeiro forestal e doutor en Enxeñaría da Madeira. En 2012 acadou unha bolsa de excelencia posdoutoral da Fundación Barrié para estudar as tecnoloxías estruturais da construción de edificios de madeira no Instituto Fraunhofer de Alemaña, país onde continuou a súa carreira como investigador e profesor adxunto na Hochschule Hildesheim ata 2016. No 2017 asume o cargo de profesor contratado na Pontificia Universidade Católica de Chile, promocionando en 2022 como profesor titular e regresando a España no 2024 como investigador Ramón y Cajal da UDC, na Escola Técnica Superior de Arquitectura.

Comparte éste artículo
No hay comentarios