Presidente do Partido Galeguista
Altos representantes do BNG, aos que o réxime de Maduro permitiulles asistir ás pasadas eleccións en Venezuela, veñen de manifestar publicamente que avalan a “vitoria” de Maduro. Non hai que ser un esperto pra recoñecer o miserable fraude electoral do Sr. Maduro con tódolos estamentos do estado ó seu servizo. Cando Lula ou Petro reclaman a Maduro algo tan fundamental como a publicación das actas, os altos representantes do BNG nó-nas precisan, porque confían na palabra de Maduro e a súa CNE. Teñen, sen dúbida, moita fe.
A inhabilitación dos contrincantes, o uso sectario dos medios de comunicación do estado, as ameazas de baño de sangue, o asasinato de manifestantes, a acusación á oposición de que eles son os culpables deses asasinatos, o sometemento humillante do poder xudicial e da Comisión Nacional Electoral, a censura dos medios de comunicación e agora a negativa a publicar as actas electorais… aos que vivimos a ditadura de Franco sóanos a algo xa visto, a mentira ó servizo do poder e o asoballamento do pobo ca hipócrita xustificación de que o fan no nome do pobo. E a resposta a estas evidencias que claman ó ceo xa a podo anticipar: os que así falamos estamos sometidos á manipulación dos medios de comunicación do grande capital; é a mesma resposta que nos daba a ditadura franquista falando dos medios de comunicación ó servizo do sistema xudeu-masónico do contubernio de Munich.
Vaclac Havel dicía que o peor das ditaduras é a mentira, e falaba da mentira do sistema opresor que mataba ós que querían fuxir do paraíso detrás do Muro de Berlín. A historia repítese e agora son millóns de fuxidos venezolanos os que poñen en evidencia o paraíso de Maduro. Irmáns do BNG: ¿E non escoitades o berro silencioso e punxinte dese pobo que en poucos anos baldeiraron nun terzo a poboación do país? ¿Non vos pon de manifesto a mentira e o drama xerados pola tiranía chavista? E non se pode dicir que eses emigrados son axentes da CIA nin esbirros do capitalismo: Son xente do pobo, esa xente proletaria que non entende de materialismo histórico, pero sabe perfectamente quen son os que os asoballan. Irmáns do BNG, preguntádelle a eles, tédelos aquí entre nós, escoitádeos e non deixedes que o sectarismo ideolóxico vos peche os ouvidos e o corazón. Non deixedes, por favor, que os coutos ideolóxicos vos leven a defender o indefendible. Hoxe debedes decidir entre o pobo venezolano e o goberno de Maduro. E, se decidides crer a Maduro e defender o seu sistema, por favor, sede clariños co pobo galego e dicídelle que ese é o sistema de goberno que queredes pra Galicia.
Cando deixamos que a ideoloxía poida sobre a verdade, a ideoloxía non transforma a realidade: manipúlaa. Se a pulsión e os dogmas da ideoloxía nos son tan poderosos que nos pechan os ollos e o corazón ao drama dun pobo, é tempo de revisar a ideoloxía. O compromiso dun nacionalista ca alma dun pobo debe poder máis ca toda a doutrina de mil catecismos de Marta Harnecker.
Día virá no que a mentira e a corruptela do réxime chavista chegarán á súa fin. Ese día coñeceremos máis da longa noite de pedra que ese réxime impuxo sobre o seu pobo. Ese día, queridos irmáns do BNG, teredes un problema: o da hemeroteca, o da memoria non esquecida que sacará á luz que o día no que o pobo venezolano votou pola verdade e a liberdade, Maduro esmagouna miserablemente e o BNG decidiu encubrir ó tirano en troques de poñerse do lado do pobo.
Queridos irmáns do BNG, recoméndovos de corazón a frase dun meu compañeiro: “Ao amigo hai que cubrilo, non encubrilo”. Se queredes cubrir a Maduro por querenza ideolóxica, canda menos nó-no encubrades, porque ao estirar a saba pra encubrilo vós quedades en coiros.