A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visitou esta mañá en Outeiro de Rei (Lugo) as instalacións de Larsa, unha industria galega propiedade da asturiana Capsa. No acto, a conselleira tivo ocasión de reunirse co presidente do Grupo Central Lechera Asturiana (Clas), Dámaso Alberto Álvarez, e co director xeral de Capsa, José Armando Tellado. A ambos pediulles que Clas lle dea entrada a granxas galegas como socias.
Neste sentido, María José Gómez aproveitou a súa presenza na factoría de Larsa para “reivindicar a necesidade de acortar ese diferencial de prezo que sempre hai entre o leite galego e o leite asturiano” e animou aos responsables de Central Lechera Asturiana a favorecer a entrada de gandeiros galegos como socios de pleno dereito da cooperativa.
“Eses gandeiros asturianos que perciben máis polo seu leite fano porque son socios da cooperativa e eu hoxe quero aquí invitar ao equipo directivo de Larsa a abrir as portas de Central Lechera aos gandeiros galegos. Ese é un reto de futuro pero eu penso que temos que apostar por permitir esa incorporación de gandeiros galegos a Central Lechera, o que vai ter un efecto inmediato de redución dese diferencial de prezo”, defendeu a conselleira.
Capsa recolle e procesa máis da metade do leite en Galicia, onde compra materia prima a 900 granxas, fronte a 800 que ten en Asturias
No 2010 Central Lechera Asturiana abriu momentaneamente a oportunidade de entrada a novos socios, pero a día de hoxe tan só 13 granxas socias están en Galicia (en municipios fronteirizos como Trabada) e 1 en Cantabria, mentres que o resto se atopan en Asturias.
Diferencial de 5 céntimos en litro
O prezo pagado aos gandeiros socios de Central Lechera Asturiana situouse de media en todo o 2023 un 6,59% por enriba do prezo medio de España, manténdose desta forma como a empresa láctea que mellor remunera aos seus socios gandeiros.
En Asturias CAPSA paga neste momento o leite aos socios da cooperativa 5 céntimos máis que aos gandeiros aos que lles recolle materia prima en Galicia grazas a un complemento ao prezo base (situado en 42 céntimos) denominado Reparto de Valor.
A maiores introdúcese un Pago por Trazabilidade que chega a 2,25 céntimos. Para cobralo é necesario cumprir cunha serie de obrigas, entre outras mercar o penso a ASA (a empresa de subministros de Central Lechera Asturiana), e facer uso doutros servizos como os carros mesturadores da ración, os servizos técnicos de nutrición, formar parte da ADSG veterinaria CLAS e do programa de calidade de leite da cooperativa.
As primas por cantidade calcúlanse en función das entregas realizadas na última campaña e van desde 0,5 céntimos a partir de 250.000 litros a 1 céntimo a partir de 500.000 litros ou 1,5 céntimos para as ganderías que entregasen máis dun millón de litros.
Os contratos actuais de Larsa en Galicia son a prezo fixo e van desescalando en función do tamaño da granxa
En Galicia, Larsa sempre mantivera un contrato para a compra do leite con dous prezos (un 70% a prezo fixo e un 30% vinculado ao prezo da manteiga) pero no contrato asinado no mes de abril deste ano pasouse o 100% a prezo fixo, cun prezo base de 42 céntimos que se mantén nos actuais contratos asinados o 1 de agosto.
Ao prezo base habería que sumar a prima de cantidade (ata 4,5 céntimos no caso das ganderías de maior volume), a prima por calidade hixiénico-sanitaria (a super A de Larsa é esixente, de menos de 25.000 xermes e 190.000 células e págase a 1,5 céntimos) e a prima de pastoreo (1,5 céntimos) no caso de granxas en extensivo.
Fuente. Campo Galego