Paloma Castro esíxelle a Política Social que atenda ás peticións do alcalde de Cambados para construír unha residencia pública na localidade, a primeira no Salnés.
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe á Xunta de priorizar as residencias de maiores privadas cando Galicia é a cuarta Comunidade Autónoma con menos prazas do Estado, mentrescontinúan sen presentar o seu modelo de atención aos maiores. Castro presentou unha serie de iniciativas Parlamentarias para reclamarlle á Xunta que constrúa unha residencia pública enCambados, que sería a primeira do Salnés.
Castro advirte que o goberno galego “semella ter un plan moi concreto que explica o seu desleixo”, e non é outro que evitar a toda costa facerlle competencia dende o sector público aos “seus amigos da empresa privada”. Así o demostrou ao renunciar a construír unha residencia en cada unha das grandes cidadesgalegas.
Criticou que “semella que a Consellería de Política Social está máis preocupada por protexer o negocio dunha empresa privada que de prestar un servizo público de calidade á cidadanía galega”.Explica que o caso de Cambados é exemplo do desleixo do goberno galego, onde non quere facer unha residencia pública cando “dáse a coincidencia de que a rede de DomusVi conta cunha residencia no Concello de Ribadumia con 164 prazas de carácter privado”.
Lembra que o goberno galego continúa a día de hoxe sen presentar un modelo de residencias públicas, e “lamentablemente está encantado con que Galicia siga a ser a cuarta Comunidade Autónoma con menos prazas de residencias para maiores”.
Criticou que deixen sen resposta a milleiros de persoas maiores que precisan de coidados e se atopan con listas de agarda inasumibles que os empuxan ás residencias privadas. Explicou que 700.000 galegos e galegas, un de cada catro cidadáns, teñen máis de 65 anos, pero só hai prazas para o 2,84 por cento, e só o 14 por cento das 22.000 prazas son públicas.
Cambados
Castro vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que constrúa unha residencia pública enCambados, que sería a primeira dunha comarca con máis de 100.000 habitantes e que carece deste servizo.
Castro presenta estas iniciativas logo de que a Consellería de Política Social leve máis dun ano “facéndolle a cobra” ao Concello, é dicir, ignorando as peticións do alcalde, o socialista Samuel Lago. O rexedor leva “meses” chamando cada semana para poñerse en contacto con algún responsable da Consellería, pero estes “nin responden, nin reciben mensaxe nin queren falar”.
Explica que este servizo viña sendo prestado pola congregación das Hermanitas dos Anciáns Desamparados no Pazo de Montesacro, pero dende setembro de 2023 o lugar está en venta e xa non acollen a novos residentes, abocando o servizo á extinción. O Concello propón a compra do Pazo para manter a residencia actual ou a cesión de terreos municipais para que a Xunta xestione a construción dunha residencia pública como fixo en Pontevedra ou anunciou en Ribadeo.